Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo organiza obradoiros nos centros educativos da localidade sobre a violencia de xénero

Mondoñedo, 24 de novembro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e a edil de Benestar, Ángeles Rodríguez, presentaron este xoves as accións programadas dende o Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. Estas actividades céntranse principalmente en obradoiros e charlas nos centros educativos da localidade xa que, dende o Goberno local ven “prioritario” traballar co alumnado a través de accións de sensibilización e prevención da violencia contra a muller e inculcando valores de igualdade.

Este venres, 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, os alumnos do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora participarán nun obradoiro de elaboración de murais a través dos que os máis pequenos expresarán como perciben esta lacra que afecta á sociedade. Elaborarase un mural por cada curso académico, adaptando o contido ás idades dos nenos. Estes murais creados polo alumnado exporanse no escaparates dos comercios que participan na iniciativa durante unha semana e finalmente mostraranse na Casa da Xuventude da localidade.

Ademais, durante o desenvolvemento desta iniciativa de elaboración de murais, dende o Goberno local tamén explican que persoal de servizos sociais do municipio ofrecerá unha charla aos alumnos do colexio público mindoniense para que “empecen a coñecer dende a infancia os valores da igualdade e mostren o seu rexeitamento á violencia de xénero ou a calquera outro tipo de violencia que se poda dar na sociedade”.

Ademais, ás 12:00 horas na Praza do Concello, os alumnos de formación profesional tamén lerán un manifesto contra a violencia de xénero e portarán un panel con 39 lazos, en memoria de cada unha das vítimas de xénero do último ano. Os asistentes gardarán un minuto de silencio.

Máis accións ao longo do mes
As accións promovida polo Concello continuarán ao longo do mes de decembro. O día nove, en horario de 13:20 a 14:10 horas, celebrarase un Obradoiro de Igualdade no IES San Rosendo, en concreto, cos alumnos do terceiro curso de Educación Secundaria. Estará impartido por técnicos de servizos sociais do municipio e ten por obxecto coñecer a opinión dos mozos sobre a igualdade nos distintos ámbitos (sociais, familia, amigos, colexio…).

O obradoiro dividirase en tres fases: como ven o sexo masculino e feminino, que estereotipos se deben cambiar e cómo sería unha sociedade que funcionara igualitariamente e sen violencia. Dende as concellerías de Benestar e Educación están a incidir nos centros educativos, intentando inculcar valores de igualdade e, de feito, hoxe o Centro de Información a Muller está a desenvolver no IES un obradoiro de igualdade cos alumnos de primeiro de Bacharelato.

Por último, o día 22 de decembro, o alumnado do IES San Rosendo participará nunha charla enmarcada dentro do programa Puntos Limpos para a xestión de residuos machistas, promovido pola Mancomunidade de concellos da Mariña.

Exit mobile version