A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, manifestou a súa satisfacción co desenvolvemento deste proxecto, que se está a levar a cabo ao abeiro do convenio asinado coa Universidade Rei Juan Carlos e a Universidade a Distancia de Madrid, por un período inicial de cinco anos e que, polo tanto, conta coa colaboración e o respaldo de diferentes institucións académicas e profesionais.
Neste eido, a rexedora avanzou que “está todo listo para presentación en Málaga deste proxecto que busca a boa posición de Mondoñedo e dos seus recursos dentro do eido turístico”. Candia lembrou que nesta primeira fase “están a poñer todas as ferramentas das novas tecnoloxías ao servizo da cultura e do turismo da cidade”, resaltando, engade, “dunha forma chamativa e innovadora o noso patrimonio histórico e facendo así máis atractivo o noso turismo”.
A alcaldesa destaca que dende o Concello “apostamos fortemente por un proxecto aberto que pode crecer exponencialmente en diferentes direccións e que constitúe unha fiestra ao futuro, para dar a coñecer o noso concello, os seus recursos e as súas características que o dotan dun forte potencial turístico que debemos saber aproveitar”.
Accións enmarcadas no proxecto Retinae
En relación ao proxecto, Candia lembra que “o contido principal desta proposta innovadora está constituído por gravacións aéreas con drons, tomando fotografías e inmortalizando en vídeo diferentes zonas da cidade. Por exemplo, a tecnoloxía da Realidade Aumentada empregase para crear diferentes modelos en tres dimensións de edificios e persoas emblemáticas; e a cámara de 360 grados serve para gravar lugares importantes de Mondoñedo e que poden ser explorados en todos os ángulos.
Ademais, no marco deste convenio desenvólvense outras accións como a conferencia celebrada este venres na localidade, durante a que profesionais expertos no eido da comunicación dixital e da historia contemporánea explicaron as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías ao servizo da divulgación dos produtos e dos eventos locais. En concreto, fixeron fincapé nas redes sociais e na internet, como ferramentas para vender ao servizo do pequeno e mediano comercio, produtores artesanais e eventos culturais.
Por último, Candia tamén lembrou que está previsto que este proxecto se desenvolva internacionalmente, especialmente en países como China e en plataformas locais como Baidu, principal buscador en China.