Site icon Crónica3.com A Mariña

O Estado destina trinta e nove máquinas quitaneves para facilitar a vialidade nas estradas da rede estatal na provincia

fasdflaksdLugo, 22 de novembro de 2016- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, visitou este martes o centro de vialidade invernal de A Xesta, no concello de Mondoñedo, onde presentou os medios operativos que se poderán despregar ante situacións climatolóxicas adversas para facilitar a circulación na rede de estradas do Estado na provincia de Lugo, chegando ata Vilafranca do Bierzo, na vertente leonesa do porto de Pedrafita.

Na presentación estiveron tamén o xefe provincial da Demarcación de Estradas do Estado en Lugo, Héctor Presas; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias; o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Miguel Martínez; e o xefe da Unidade de Protección Civil e Emerxencias da Subdelegación do Goberno, Juan Yáñez. Asistiron tamén a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o alcalde de Abadín, José María López Rancaño.

O protocolo de vialidade invernal establece as pautas de actuación para as organizacións destinadas a intervir no caso de que se produzan situacións meteorolóxicas adversas que dificulten ou impidan niveis axeitados de servizo e seguridade na rede de estradas do Estado na provincia. Contén ademais unha relación dos tramos máis conflitivos por neve ou xeo, áreas destinadas a estacionamento temporal de vehículos e un directorio telefónico do persoal e medios dispoñibles que poden ser requeridos por estas circunstancias.

O protocolo incorpora ademais, como xa o facía na anterior campaña, un anexo especial referente á autovía A-8, en concreto ao tramo comprendido entre o enlace de Mondoñedo e o enlace da Xesta. Neste anexo defínese o procedemento a seguir en caso de néboas densas ou de ráfagas fortes de vento, que son as condicións climatolóxicas adversas que máis afectan a esta zona.

MEDIOS DISPOÑIBLES
O dispositivo especial para a actual campaña invernal está operativo dende o pasado 1 de novembro e manterase ata o 30 de abril de 2017. O plan provincial detallado esta mañá cubre 794,42 quilómetros de estradas convencionais e autovías estatais de Lugo, incluíndo a vertente leonesa do porto de Pedrafita. No inicio desta campaña disponse dun total de 39 máquinas quitaneves e esparexedoras de sal e salmoira, 9.300 toneladas de sal e 2.515.000 litros de salmoira. Estas son as cantidades iniciais das que se dispón nos máis de 40 depósitos de fundentes que hai na provincia, pero pódense ir incrementando segundo as necesidades que vaian xurdindo ao longo da campaña.

O obxectivo deste dispositivo é garantir a seguridade dos usuarios e que a circulación sexa o mais cómoda e fluida posible en condicións climatolóxicas adversas. Trátase polo tanto de asegurar a vialidade de circulación na rede estatal, reducir ao mínimo o número de tramos con restricións ao tráfico, así como evitar na medida do posible as retencións de vehículos. Para todo iso, dentro das operacións de vialidade invernal prevese tamén realizar tratamentos preventivos no firme en situacións de baixas temperaturas.

No conxunto da comunidade autónoma, o dispositivo confórmano 90 camións quitaneves, case 20.000 toneladas de sal e máis de 3 millóns de litros de salmoira. Con estes medios preténdese manter ao longo da campaña invernal un axeitado nivel de servizo nos 2.489 quilómetros de estradas convencionais, autovías e autopistas da rede estatal en Galicia.

Exit mobile version