O Executivo da Deputación mantén aberto o prazo de solicitude das subvencións de 75.000 euros de concorrencia competitiva para deportistas individuais da provincia de Lugo, coas que o organismo provincial premia o esforzo competitivo introducindo novos criterios, totalmente obxectivos, para a concesión destas axudas. Máis información en www.deputacionlugo.gal.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro día venres 18 de novembro, inclusive. As achegas terán un importe máximo de 2.000 euros e un importe mínimo de 300 euros para axudar a sufragar os gastos da tempada.
Poden acceder ás bolsas todos os deportistas da provincia de Lugo que posuíran ficha federativa durante o ano 2015 e que dende o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do 2015 participaran en competicións deportivas oficiais, tanto de carácter provincial, galego, estatal como internacional, e manteñan na data de presentación de solicitudes a súa actividade competitiva oficial e federada.
De seguido, axúntase a táboa cos novos criterios de valoración para unha concesión máis transparente e xusta, premiando o esforzo dos deportistas. Cómpre subliñar que, por vez primeira, teranse en conta os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais.