Alcaldías e representantes de 14 dos 16 Concellos que forman parte deste ente asinaron o acordo institucional en materia de igualdade de xénero, e que ao mesmo tempo permita formalizar institucionalmente a Rede de Puntos Limpos para a Xestión de Residuos Machistas. No documento recóllese o compromiso e principios básicos para a posta en marcha de políticas públicas que fomenten a igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Deste xeito daba comezo esta xornada no IES Perdouro onde a continuación tivo lugar o evento conmemorativo do Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero. Celebrouse neste centro para simbolizar a importancia que teñen os centros educativos no fomento, consolidación e asimilación de principios, valores, comportamentos, crenzas e actitudes por parte da mocidade, que permitan desenvolver un futuro máis xusto e igualitario.
Na súa intervención Alfredo Llano, presidente da Mancomunidade, sinalou que “a Mancomunidade da Mariña Lucense ven de poñer en marcha a Rede de Puntos Limpos para a Reciclaxe de Residuos Machistas, tras recibir o Primeiro galardón dos Premios Coopera da Xunta de Galicia. No marco deste proxecto acabamos de firmar -a día de hoxe- un Acordo Marco en materia de Igualdade de Xénero, a través do cal Alcaldesas e Alcaldes nos comprometemos oficialmente na loita contra a violencia machista na Mariña Lucense, demostrando a avinza existente máis alá de localismos e ideoloxías políticas. Neste proxecto ademais lévanse a cabo diferentes accións conxuntas para todo o territorio que contemplan a intervención educativa, a sensibilización en igualdade de xénero entre o persoal municipal e o fomento do traballo en rede, especialmente entre as traballadoras sociais e educadoras familiares municipais, que se implicaron dende o inicio”.
Llano engadiu que “precisamente froito desta coordinación e traballo en rede do persoal técnico municipal nace a proposta do deseño e posta en marcha deste Acto conxunto para conmemorar o Día Internacional da Loita Contra a Violencia de Xénero, iniciativa que foi avalada co acordo e consenso de todas as forzas políticas dende o primeiro momento en que nolo propuxeron. Contando coa nosa participación directa no establecemento das premisas de cara á celebración deste evento; suxerindo que tivese un enfoque positivo, que incidise na importancia que ten a mocidade na conquista dunha igualdade real e que contemplase a necesidade de actuar de forma coordinada no eido familiar, educativo e político- institucional”.
No acto tomou a palabra unha representante da Ampa do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo en representación do eido familiar, que dixo que “en representación das Ampas da Mariña queremos rexeitar actitudes, comportamentos ou expresións machistas, porque temos que traballar por un futuro con familias igualitarias con reparto equitativo de tarefas domésticas e de coidado; con xoguetes, música, cine e literatura que eduquen en igualdade; e libres de estereotipos de xénero no fogar”.
Un alumno do IES Perdouro deu lectura a un texto narrativo que el mesmo redactou, destacando a importancia de equilibrar a balanza e rematou a súa intervención coa frese “nin unha máis no esquecemento, nin unha menos sen esperanza”.
En nome do profesorado interviu unha mestra do IES Perdouro en presentación do eido educativo que avogou “por contar na Mariña con centros de ensino igualitarios, onde se valore o talento con independencia do sexo; onde se contemple tempo, espazo e programación para a igualdade de xénero con discursos, materiais e soportes coeducativos libres de estereotipos de xénero na ensinanza”.
E Mayra García, alcaldesa de Trabada, en representación do eido político manifesto que “as alcaldesas e alcaldes da Mariña vimos de asinar un Acordo Marco de compromiso pola igualdade entre homes e mulleres, que nos permite reflexionar e actuar sobre comportamentos sociais e no ámbito das institucións, para contar na Mariña con concellos onde as mulleres poidan estar representadas en igual medida que os homes, onde utilicemos prácticas e linguaxe inclusiva libres de estereotipos de xénero na súa contorna social e institucional”.
Finalmente Alfredo Llano, como Presidente da Mancomunidade da Mariña Lucense e en representación dos 16 Concellos que forman parte da Mancomunidade, dixo: “quería agradecer a asistencia a este acto por parte de todas as persoas que estades aquí presentes, apoiando esta iniciativa única no territorio da Mariña. Especialmente, moitas grazas ao equipo directivo do IES Perdouro, ao persoal técnico municipal que coordinou a posta en marcha deste Acto e por suposto a cada unha das persoas que participaron nas intervencións. Agardamos que o día de hoxe, marque un antes e un despois na conmemoración de datas sinaladas e que no futuro a unión, o consenso e a vontade sexan os principais recursos para a posta en marcha de actos similares, nos que os recursos económicos non son necesarios- tal e como acabamos de demostrar”.
Os actos desenvolvidos hoxe en Burela enmárcanse dentro da Rede de Puntos Limpos de Residuos Machistas de A Mariña Lucense Por un futuro sen violencia, reciclándonos na igualdade.