Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de recibir o Premio da Crítica Galicia na convocatoria de Iniciativas Culturais e Científicas

A Fundación dos Premios da Crítica Galicia, que cada ano desde 1978 recoñece a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia, ven de outorgar ao Observatorio da Mariña pola Igualdade o Premio da Crítica Galicia na convocatoria de Iniciativas Culturais e Científicas. Á hora de conceder este premio, fallado nesta fin de semana en Vigo, o xurado salientou que “esta iniciativa afonda no traballo necesario pola igualdade de xénero dando visibilidade ao esforzo das mulleres desde o campo literario ao científico. O xurado considerou, así mesmo, o esforzo engadido de xestar unha iniciativa cultural destas características na Mariña. A confluencia da muller, a lingua minorizada e a marxe xeográfica confire a este proxecto un carácter de múltiple subalternidade que consideramos digno de ser centro da nosa atención”.

O Observatorio da Mariña pola Igualdade manifesta que “é un orgullo recoller este premio e facelo en nome de todas as persoas que ao longo destes anos fixeron posíbel que a nosa actividade a prol da igualdade de xénero continuara a ser unha realidade. Este é un premio de todas as socias e socios que forman parte deste colectivo, así como daquelas persoas que coa súa participación e presenza apoiaron as actividades e reivindicacións feitas desde a asociación”.

Hai que recordar que o Observatorio da Mariña pola Igualdade, que comezou no 2008 a súa andaina, é o impulsor do feminismo organizado na Mariña e, actualmente, unha das asociacións feministas referentes a nivel galego. Neste sentido, desde o Observatorio recoñecen que “aínda que lentamente, o Observatorio crece con paso firme. Pouco a pouco fumos, durante estes anos, sacando adiante diferentes iniciativas culturais como charlas informativas, debates, video-forum, concertos, trivial fenimista ou as axendas feministas, e todo isto debémosllelo ás moitas mulleres e homes que colaboraron nas mesmas.

Desde o Observatorio queren ademais destacar que “ante a realidade teimuda da desigualdade, da discriminación e das violencias exercidas sobre as mulleres, seguiremos a desenvolver actos reivindicativos e de denuncia co único ánimo de intentar transformar a sociedade patriarcal nunha sociedade igualitaria. Sempre estaremos aí como facho que alumeará a conciencia de toda a nosa sociedade para facer valer a igualdade efectiva entre homes e mulleres”.

Exit mobile version