Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio organiza a charla-café ‘A maternidade a debate’ o venres 18 de novembro en Ribadeo

O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza, dentro do seu ciclo Falemos de …, unha charla café en Ribadeo, na que se tratará o tema das maternidades.

O acto terá lugar o venres 18 de novembro ás 20.00 horas no Bar Amodiño. A relatora nesta ocasión será Beatriz Gimeno, muller moi vencellada ao activismo social e feminista, á loita pola diversidade sexual e polos dereitos das persoas con discapacidade.

Propoñemos este debate partindo da necesidade de entender a maternidade como unha opción libre e desexada, nunca sentida como unha obrigación polo mero feito de ser mulleres. As formas de exercer a maternidade son moi diversas e ningunha se pode sentir cuestionada por elexir unha ou outra. Cómpre desmitificar a figura idealizada da nai e da maternidade e falar claramente de todas as dúbidas e problemáticas que xorden á hora de decidir dar ese paso.

No Observatorio pretendemos abrir debates produtivos, e dar a coñecer distintas problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres. As charlas café tentan fuxir do formato de conferencia tradicional xa que o público pode interactuar coas relatoras ao mesmo tempo que toma unha consumición nun ambiente máis informal, agradable e acolledor.

Convidamos a todas a persoas interesadas a que asistan a esta charla e tamén aos medios de comunicación da Mariña para que lle dean publicidade e cobertura a este evento.

Exit mobile version