Aos burelistas espéraos o equipo de ex do Pescados Rubén Dani Rodríguez, cos tamén vellos coñecidos de Vista Alegre Dani Martín e Chino. O Paraíso Interior chega á sexta xornada con bo inicio ligueiro, defendendo a sexta praza con 9 puntos, fronte aos 3 dos galegos; tras encadenar triunfos como local fronte a Peñíscola (5-4) e Jumilla (14-0) e na casa do Cartagena (0-3), os xienenses sucumbiron a semana pasada en Gran Canaria (6-3). “Polo que vivín eu alí, sei que a afección de Xaén aperta moito e creo que se somos capaces de manter o fío do partido preto, se chegamos ao final do partido con opcións, podemos puntuar” advertía o 21 mariñán, incidindo nas directrices de Daniel Ibañes: “Como ben di o míster a concentración vai ser outra das claves. fixemos bos encontros, sobre todo na casa, pero hai momentos nos que nos imos do partido e iso vese despois reflectido no marcador; quédome coa primeira parte do Barça, na que estivemos moi concentrados e sabendo o que tiñamos que facer” analizaba Cuco.
O ala madrileño recuperou a ilusión polo futsal na Mariña logo de case unha tempada en Xaén afastado por unha pubalxia. “Foi difícil, foron dez meses fóra das pistas; estiven moito tempo con tratamento conservador antes da operación. Agora creo que gozo moito máis, vexo as cousas doutro xeito e intento gozar ao máximo de cada minuto dentro da pista e sobre todo de estar facendo o que me gusta e de compartilo cos compañeiros”.
“Estou contento pola grande acollida por parte do club, do corpo técnico e dos compañeiros; xa coñecía a algún de coincidir noutros equipos e a verdade é que mo puxeron todo moi doado para que a miña adaptación sexa o máis rápida posible”, aseguraba Cuco no seu primeiro ano en Burela, pedindo “saúde e que as lesións respecten a todo o equipo” para seguir medrando na Familia Laranxa.
O equipo mariñán partirá mañá ás 8.30 horas para terras andaluzas; quedarán en Burela Petry, por unha pequena rotura de fibras, e Chano, por molestias nun pé. A última sesión preparatoria será o sábado pola mañá en La Salobreja.
Convocatoria Pescados Rubén: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder.