Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno de Burela aproba a baixada das taxas polo uso de instalacións deportivas e a supresión da aplicada por realizar exames convocados polo Concello

Burela, 7 de novembro de 2016. O pleno aprobou a baixada das taxas polo uso de instalacións deportivas e suprimiu outras como a que se aplicaba pola realización de exames convocados no Concello. Respecto ao IBI o alcalde, Alfredo Llano, insistiu en que coa última revisión catastral a maioría dos veciños de Burela van pagar menos por este concepto.

O rexedor dixo que “imos manter os prezos que se viñan aplicando este ano para o ano que ven, así que van quedar conxelados a gran maioría. No caso do IBI, e tras a revisión catastral realizada, o gravame que imos aplicar será do 0’48%, un dos máis baixos da comarca da Mariña. E mais do 50% dos veciños e veciñas de Burela verán reducido este imposto. Como o que había antes neste concello procedía do ano 2006 e entón había un valor catastral que estaba moi elevado con respecto ao mercado, o que fixemos foi esta revisión, que é algo ao que nos tíñamos comprometido. Aprobamos esa porcentaxe cos votos en contra do Bloque, que eu penso que non interpretou moi ben o que se fixo con esta aplicación deste índice, e votaron a favor o PP máis o PSOE”.

O alcalde manifestou que “no lixo, a auga e nos sumidoiros rebaixouse o 0´1%, porque sempre se aplica o IPC interanual de agosto a agosto, que é o que estamos aplicando aquí no Concello e isto é un imperativo que se debe aplicar derivado dos propios convenios que se teñen coas concesionarias. Aquí houbo unanimidade e aprobámolo entre todos”.

Alfredo Llano anunciou que “presentamos a derrogación das taxas por facer exames no noso Concello. Había unha taxa que se cobraba para determinados profesionais cando había unha praza que convocábamos desde o Concello e non tiñan que pasar polo INEM. Para calquera praza que saquemos agora ou no futuro a xente que queira matricularse para formar parte do proceso de selección non vai pagar nada. Tamén se aprobou por unanimidade este asunto”.

O alcalde de Burela tamén contou que “se aprobou unha baixada das taxas por utilización das instalacións deportivas e pasamos de 80 euros que se viña aplicando por hora polo uso de calquera instalación deportiva sexa campos de tenis, pádel ou os pavillóns deportivos, a 50 euros/hora. Outra taxa que se viña aplicando por día pasa de 300 euros a 200 euros. O que se pretende é que haxa máis dinamismo e máis solicitudes para poder facer uso destes lugares e desa maneira que haxa máis actividade. Hai moitas cousas que son moi interesantes para o Concello como é algunha exposición ou algún mercado que poden estar dentro dun pavillón, así que para favorecer este tipo de actividades e que haxa máis dinamismo comercial ou cultural… por iso abaratamos estas taxas”.

Llano engadiu que “se aprobou que os caixeiros dos bancos pasen de pagar 200 euros a 600 euros anuais”.

Exit mobile version