Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP consegue que se celebre o pleno extraordinario que solicitaran, no que se recolle a moción sobre as residencias e a mesma orde do día que en outubro

Lugo, 24 de novembro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular consegue que se celebre o pleno extraordinario que veñen solicitando desde a anterior sesión de outubro no que se recolle a moción sobre as residencias que o Goberno provincial decidira pasar a rogo, así como o resto dos puntos da orde do día daquela convocatoria.

No Pleno do mes de outubro o PP decidiu absterse do debate e votar en contra das iniciativas que formaban parte da orde do día do Pleno en sinal de protesta por non poder someter a aprobación a iniciativa na que pedían que Suplusa asumira a encomenda de xestión para a construción das residencias de Becerreá, Portomarín e Folgoso do Caurel. Amais de votar en contra das mocións do resto dos grupos, o PP pediu a retirada das mocións presentadas polo seu propio grupo.

Agora, despois dunha decisión do presidente que os populares consideraron “un feito sen precedentes na institución”, Darío Campos rectifica e, en base as peticións do PP, convoca para o vindeiro martes un pleno extraordinario no que volverán a debaterse todos os puntos da orde do día do pleno de outubro, incluída a moción do PP sobre as residencias.

A voceira dos populares, Elena Candia, asegura que o presidente vén de desenmascarar a súa intención que era a de negarse a debater a moción na que se pedía que Suplusa asumira a encomenda de xestión para a construción das residencias de Becerreá, Portomarín e Folgoso do Caurel. “A mentira ten as patas moi curtas e aquí fixo falla menos dun mes para coñecer o que realmente pretendía Campos”, explica.

“Agora terá que explicarlle a todos os veciños e veciñas, sobre todo aos dos concellos afectados, os verdadeiros motivos polos que non quixo avanzar na posta en marcha desas residencias”, engade a popular.

Candia afirma que con esta actuación “Campos ademais de acertar cando rectifica, rozou a prevaricación administrativa cunha decisión absolutamente ditatorial”.

Os populares recordan que renunciarán, tal e como xa avanzaron no seu día, ao cobro das correspondentes dietas e agradecen a oportunidade de poder debater unha moción “que fora presentada en tempo e forma”.

Exit mobile version