Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela solicitou no pleno que Patricia Otero deixe a delegación de Economía

Burela, a 9 de novembro de 2016.- O Grupo Municipal Popular (GMP) do Concello de Burela afirmou este mércores que “a concelleira delegada de Economía, Dna. Patricia Otero, debe deixarlle tal delegación a outra persoa do grupo de goberno, porque está visto que esta señora non está facendo o seu traballo con adicación e esforzo. Vai batindo todos os records negativos que se podían batir e, o que é peor, demostra mui pouco interese polo seu traballo, ainda que cobra a nada despreciable cifra de 14.000’00€/ano por media dedicación dos cartos de todos os veciños de Burela. No pleno do luns pedímoslle ó alcalde que lle retirase as competencias, ainda que o alcalde nada dixo, nin a favor nin en contra da concelleira, o que non deixa de sorprendernos”.

Para o GMP, “resulta lamentable que esta señora, coa complicidade e anuencia do alcalde, nos presente tarde e mal as modificacións das ordenanzas para 2017. Desde xuño puido preparar unha modificación da contribución urbana que beneficie a máis contribuintes e non ó cincuenta por cento, e non fixo nada. Desde fináis de setembro puido preparar unha revisión da ordenanza da auga, como dixeron en campaña que ían facer, e non fixo nada. E por riba trae estas cuestións a un pleno que convocan de urxencia porque van co gancho, van collidos de tempo cos prazos de exposición que son obrigatorios para que as ordenanzas poidan entrar en vigor o día un de xaneiro. En definitiva, nulo traballo intelectual, e esforzo igual a cero”.

Os populares consideran que “a Sra. Otero xa tiña marcas difíciles de superar: deixar ós maiores sen actividades no derradeiro trimestre do ano pasado, aprobar os seus primeiros presupostos do presente ano en abril, ter recursos administrativos dos sindicatos contra os presupostos (sendo ela recoñecida sindicalista), e chegar a xullo para ter aprobados definitivamente os presupostos do presente ano. Pero non contenta con eso, resulta que tarda un mundo en preparar o expediente de modificación das ordenanzas de cara ó ano próximo, coa complicidade do alcalde, todo hai que decilo, e en vintecatro horas aparece un expediente de pleno extraordinario e urxente, que por tal motivo carece de comisión informativa (que segundo a lei é preceptiva), cheo de erros, falto (ó noso xuicio) de documentación, e sobre de todo falto do traballo intelectual e do esforzo necesario, xa que tivo tempo desde o 23 de setembro a preparar o pleno como debería prepararse”.

Para os populares, “algo extraño tén que estar pasando, porque á Sra. Otero supoñémoslle unha certa capacidade pola súa formación académica. Pero o que esteña pasando, sexa o que sexa, e polo antes indicado, está afectando negativamente a Burela e ós veciños. E por eso é que no mesmo pleno deste luns xa lle dixemos ó alcalde que debería retirarlle as competencias en materia de Economía e traspasarllas a outra persoa do goberno que teña máis ganas e millores ideas. Ainda que as cousas seguramente seguirán como están, porque o alcalde, ainda que non a apoiou no pleno, non vai facer nin decirlle nada”.

Exit mobile version