Site icon Crónica3.com A Mariña

O subdelegado do Goberno lembra a importancia de adoptar “comportamentos responsables” para frear a sinistralidade nas estradas

min-silencioLugo, 21 de novembro de 2016- A Subdelegación do Goberno e a Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo convocaron este mediodía un minuto de silencio en recordo das vítimas de accidentes de tráfico, no que participaron ademais outras autoridades das distintas administracións, representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e membros de asociacións de vítimas, coa intención de chamar a atención sobre a traxedia persoal e social que supoñen estes sinistros e avivar conciencias para estimular á sociedade na loita común contra esta problemática.

No que vai de ano, 23 persoas perderon a vida nas estradas da provincia de Lugo. En toda Galicia, rexistráronse no mesmo período 92 falecidos en accidentes en vías interurbanas. En canto a anualidades anteriores, en 2015 o número de vítimas mortais na nosa provincia fora de 17, e 29 en 2014.

O subdelegado do Goberno lamentou o repunte rexistrado este ano con respecto ao ano anterior, se ben lembrou que a sinistralidade se reduciu notablemente nos últimos anos. De feito, en 2003 o número de falecidos fora de 82, e en 2008 de 49, por poñer algúns exemplos.

Ramón Carballo fixo un chamamento “á prudencia e ao cumprimento das normas de circulación” para evitar as mortes nas estradas. “Todos estamos implicados no tráfico, sexa como condutores ou como peóns, e por iso debemos concienciarnos e adoptar comportamentos responsables para frear a sinistralidade”, engadiu.

O Día Mundial en recordo das vítimas de tráfico conmemórase cada terceiro domingo de novembro dende o ano 2005, cando foi recoñecido oficialmente polas Nacións Unidas.

UNIDADES PARA ASESORAR ÁS VÍTIMAS
No acto deste luns lembrouse tamén a labor das Unidades de Atención a vítimas de accidentes de tráfico (UVAT), que se puxeron en funcionamento no ano 2013 nas Xefaturas Provinciais de Tráfico e que se encargan, de xeito totalmente gratuíto, de asesorar, informar e prestar axuda ás vítimas ou aos seus familiares, naquelas cuestións que poidan precisar despois de sufrir un sinistro de tráfico, como é na súa relación cos sistemas xurídico-penal, policial, social e sanitario. Do que se trata é de estar ao carón das vítimas, facilitarlles o acceso aos recursos existentes e velar polos seus dereitos. Dende xaneiro a outubro deste ano, a UVAT de Lugo atendeu a 711 persoas.

Exit mobile version