Site icon Crónica3.com A Mariña

Os laranxas tutean ao FC Barcelona Lassa ata esvaecerse na segunda metade (1-5)

A Bomboneira tuteou este venres ao xigante FC Barcelona Lassa (1-5) a pesar do resultado, cunha primeira parte incomensurable do Pescados Rubén Burela FS, inquietando en finalización e con seriedade defensiva. A igualdade e o equilibrio dos primeiros vinte minutos esvaéronse tras o descanso con dous dardos cataláns dos que os mariñáns non lograron recuperarse no luminoso.

Saltaron á pista os de Daniel Ibañes dispostos a todo e viviron uns primeiros minutos en voandas apoiados polo magnífico ambiente de Vista Alegre e moi ben plantados. Os da Mariña souberon como xerar perigo á contra; no minuto 4 Antoñito, Chano e Iago Míguez protagonizaron as ocasións máis incisivas, fronte a un Juanjo impasible. No minuto 7, Petry salvou os da casa baixo paus unha tentativa de Adolfo tras escaparse de Iago Rodríguez; esa era a primeira ocasión de ouro dos visitantes. Antes de chegar ao ecuador da primeira parte Antoñito topouse de novo co muro de Juanjo, nunha contra iniciada por Cuco. O gol resistíase e o plan laranxa truncouse, en xogada de estratexia no minuto 15; os de Andreu Plaza adiantaron nun balón parado de Aicardo que culminou Adolfo. Lonxe de amilanarse, os guerreiros castrexos seguiron pelexando con todo e non tardou o empate; no 17, Bellvert subiu a igualada para poñer a guinda a unha gran xogada de Cuco. O segundo acto non empezou da mellor forma para os galegos; a pegada catalá non se fixo esperar. O Barcelona abriu a fenda; en practicamente un minuto, antes de chegar ao 23, tomou vantaxe de 1-3, cun potente disparo de Dyego e a finalización de Diego Quintela, de novo en xogada de estratexia.

Intentou recuperarse o Pescados Rubén freando a destreza catalá ata que volveu facer acto de presenza a eficacia do grande, na medianía da segunda parte, con Aicardo, de falta (1-4). Nos últimos nove minutos Iago Rodríguez vestiu a camisola verde co xogo de cinco; tivo ocasión Cuco de reducir distancias nun penalti de Rómulo sobre Mata no 33, cunha grande actuación de novo do meta catalán. O definitivo 1-5 chegou nas zapatillas de Tolrà a porta baleira, a pouco máis de tres minutos para o final.

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Álex, Isi, Iago Rodríguez, Matamoros, Cuco, cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Iago Míguez, Chano, Bellvert, Petry, Carlitos

FC Barcelona Lassa: Juanjo, Aicardo, Dyego, Adolfo, Diego Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Ferrao, Joselito, Tolrà, Rómulo, Roger Serrano, Joao Batista

Goles: 0-1, minuto 15, Adolfo; 1-1, minuto 17, J. Bellvert; 1-2, minuto 22, Dyego; 1-3, minuto 22, Diego Quintela; 1-4, minuto 30, Aicardo; 1-5, minuto 36, Tolrà

Árbitros: Del Pozo García (Madrid) // Redondo Arenales (Castilla e León). Por Pescados Rubén, amarela a Cuco (minuto 9), Chano (minuto 13). Por Barcelona amarela a Rómulo (minuto 33)

Incidencias: Quinta xornada de Primeira Division LNFS disputada en Vista Alegre, coa presenza do secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa. 1300 espectadores.

Exit mobile version