Foz, 17 de novembro de 2016. O terceiro Campañazo de novembro, que organiza o Centro Comercial Aberto de Foz, terá lugar este venres 18.
O Campañazo pódese seguir en directo a partir das once da noite a través de Radio Foz, no 107.4 da FM. Aquela persoa que cante o Campañazo deberá chamar rapidamente á emisora desde o local no que estea a seguir o sorteo. E o mesmo deberán facer o resto de premiados cada venres pola noite.
Cada venres de novembro pola noite estanse a poñer en xogo 600 euros en vales de compra, 300 para a primeira persoa que cante o Campañazo e 300 para o resto dos premiados.
Un total de 60 establecementos comerciais e hostaleiros participan no Campañazo do Centro Comercial Aberto de Foz, unha iniciativa que xa está consolidada, porque leva varios anos celebrándose nos meses de novembro e de xaneiro.
Os premios aos gañadores do pasado venres, 11 de novembro, foron entregados este mércores. María cantou o Campañazo e recibiu 300 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados ao Centro Comercial Aberto. A afortunada seguiu o sorteo no Tangarte Mariñeiro e conseguiu o seu boleto en Canalizaciones José Saa. A premiada recibiu o seu agasallo de mans de Olaya Pedrosa, secretaria de Acia/CCA de Foz, que estivo acompañada por Rubén Saa. Os outros 300 euros en vales de compra repartíronse entre quince persoas.