O concelleiro José Ramón Soto anunciou este venres que “dende o Servizo de Protección Civil e Seguridade Cidadá do Concello de Cervo, xunto coa Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Augas de Galicia e a empresa Alcoa, informamos á poboación en xeral que o vindeiro martes, 29 de novembro, ás dez e media da mañá vaise realizar unha proba das sirenas que no hipotético caso dunha activación real do plan de emerxencias da presa de Río Covo actuarían como elemento de aviso á poboación. Esta proba servirá para avaliar o seu correcto funcionamento ademais de dar a coñecer o seu son aos veciños. Máis alá destes sinais acústicos e dunha maior presenza dos servizos de emerxencia e seguridade no contorno, a actividade dos veciños non se verá afectada en absoluto e poderán continuar coa súa rutina habitual”.
O edil de Seguridade Cidadá explicou que “esta acción enmárcase no ámbito da implantación e mantemento dos plans, cos obxectivos principais de familiarizar aos cidadáns coa sinal de alerta e garantir a operatividade dos sistemas de aviso, aínda que a posibilidade real da rotura da presa e mínima. Co fin de non xerar alarmas innecesarias, o Concello de Cervo quere informar á poboación desta proba de simulacro de evacuación polo que se avisa a todos os veciños a través de notas informativas e bandos que se distribuíron polo entorno de San Cibrao”.