A filosofía laranxa triunfou este sábado en Vista Alegre, con traballo, loita e orgullo para reencontrarse cos tres puntos rompendo a imbatibilidade do Ourense Envialia FSF (1-0). Tras unha semana difícil con escaseza de efectivos, as pupilas de Lucas e Xullo Delgado, centradas en defensa e coa referencia de pivote, souberon manter a exigua renda cultivada na recta final do primeiro período.
Volveu o esférico a rodar na Bomboneira con máis equilibrio e con alternancia de protagonismo baixo os paus; no primeiro minuto Jozi despexou un saque de esquina máis que perigoso e pouco despois Vane fixo o propio fronte a Dany. A porteira laranxa converteuse no pesadelo para as de Ourense; tras unha gran galopada de Cilene, á que non puido chegar Judith, Jozi soubo custodiar a rede local no 29, fronte a Marta e en colaboración con Bea Mateos; pouco despois volveu tirar de oficio en tentativa de Antía en xogada de estratexia. A falta de pouco máis de catro minutos para a bucina final, as pupilas de Chipi foron a por a remontada con Andrea Carid como porteira xogadora, ante a correctísima defensa mariñá.
Ficha técnica
Pescados Rubén-Burela FS: Jozi, Dany, Lara, Bea Mateos, Judith, cinco inicial; tamén xogaron Shiori, Cilene, Silvia, Sofía, Elvira, Paula
Ourense Envialia FSF: Vane, Bea Seijas, Marta, Sara Moreno, Andrea Carid, cinco inicial; tamén xogaron Lucía, Chiqui, Antía
Goles: 1-0, minuto 19, Lara
Árbitros: Amor Vizoso // Salinas García (Ferrol). Por Ourense amarela Chiqui (minuto 8), Andrea Carid (minuto 35)
Incidencias: Partido da novena xornada de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre ante 500 persoas.