Site icon Crónica3.com A Mariña

Toma posesión o novo delegado territorial de Lugo, Xosé Manuel Balseiro

posesion-balseiroO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este luns o compromiso, entusiasmo e o espírito inconformista dos delegados territoriais da Xunta para seguir traballando nesta lexislatura e lograr novas metas colectivas. “Empezamos un novo mandato con novos folgos, con máis ilusión ca nunca e con máis experiencia”, aseverou, lembrando que o pobo galego sempre estará lexitimado para pedir máis a este novo Executivo autonómico.

Durante o acto de toma de posesión do director xeral do gabinete da Presidencia e dos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, Feijóo pediulles a todos eles que aprendan da xente e do pobo ao que van servir, incidindo en que a súa principal responsabilidade é ser “os ollos e os oídos” do Goberno galego no ámbito territorial, onde van prestar os seus servizos. “Sodes os primeiros que van oír o que a xente quere e demanda e, polo tanto, trasladar ao Goberno as súas inquedanzas e preocupacións”, abundou.

Do novo delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, Feijóo resaltou a súa capacidade para combinar “dúas variables que imos perseguir durante esta lexislatura: ser un político bo e ser un político novo”; do novo delegado territorial de Lugo, Xosé Manuel Balseiro, resaltou o seu coñecemento da provincia e de Marisol Díaz a súa experiencia e o seu bo facer.

Así mesmo, referiuse a Manuel Cores Tourís como o exemplo de que a política municipal é unha das mellores escolas de formación, e a Ignacio López Chaves pediulle que manteña a paixón que o caracteriza na súa responsabilidade na Área Metropolitana de Vigo.

Logo de destacar tamén a formación e capacidade analítica do director xeral do gabinete da Presidencia, Álvaro Pérez López, o titular da Xunta concluíu garantindo o compromiso de seguir traballando e servindo ao pobo galego: “Rexeitar o catastrofismo, recoñecer os méritos do noso pobo, a súa capacidade de loita, o seu compromiso coas tarefas colectivas. Pero aceptar a realidade, entender que segue habendo problemas en moitas familias galegas que debemos atender, e moitas ilusións que debemos tentar satisfacer, é o primeiro paso para seguir logrando novas metas”, dixo.

Exit mobile version