Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro acolle o 12 de novembro a segunda mesa redonda das Xornadas de Comunicación, Gastronomía e Promoción do Turismo no Litoral de Lugo

Viveiro, 9 de novembro de 2016. A segunda mesa redonda das Xornadas de Comunicación, Gastronomía e Promoción do Turismo no Litoral de Lugo, promovidas pola Federación de Comercio A Mariña, celebrarase este sábado, 12 de novembro, a partir das oito da tarde no salón multiusos do Concello de Viveiro con entrada libre e gratuíta. Participarán os xornalistas David del Cura, de Onda Cero; Javier Cancho, da Televisión do Principado de Asturias; e José Manuel García, da Radio Galega. Ademais os días 11 e 12 haberá degustación de mexillóns en doce establecementos hostaleiros asociados ao Centro Comercial Histórico de Viveiro.

David del Cura é o director e presentador do programa radiofónico O Compás, de Onda Cero, desde o 31 de agosto de 2015. O Compás é un espazo informativo e de opinión histórico na radio deste país, que leva en antena desde 1992. David do Cura está vinculado a Onda Cero Radio desde 1999, cadea na que foi responsable de Nacional e dos informativos do fin de semana, así como dos tramos informativos de Protagonistas, con Luis del Olmo, e de Herrera na Onda, con Carlos Herrera. Tamén foi redactor nas áreas de Sociedade e Local. Do Cura pasou tamén por Radio España e por RadioVoz nos seus inicios nas ondas na década dos 90. E durante tres anos, ata converterse no director do Compás, foi o xefe de prensa da Vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría.

Javier Cancho na actualidade dirixe e presenta o informativo matinal da Televisión do Principado de Asturias, programa que se emite de 8 a 10 da mañá. A esta cadea autonómica está vinculado desde xaneiro de 2006 e na TPA presentou e dirixiu diversos informativos e programas especiais durante todos estes anos. Javier Cancho foi redactor xefe e presentador de informativos en Onda Cero desde 1999 a 2006, ademais de subdirector do Compás, programa co que colabora na actualidade. Nesta cadea foi redactor de informativos de 1992 a 1994. Tamén traballou en RadioVoz e en Intereconomía.

E José Manuel García é o director e presentador do programa Come e fala, da Radio Galega, desde fai seis anos, espazo que é un referente no mundo da gastronomía. No ano 2011 recibiu o premio nacional de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro pola súa difusión da gastronomía galega e a súa historia. Tamén é coñecido pola gran difusión do seu programa a través das redes sociais, convertendo o seu espazo radiofónico en moito máis. E ademais José Manuel García é profesor do módulo de radio na Escola de Audiovisuais O Raio Verde, en Santiago de Compostela. Anteriormente foi presentador do programa Comes ou pagas, na Televisión de Galicia. E José Manuel García leva vinculado ao mundo da radio desde os 14 anos. Pasou por Radio Galicia, Cadea Top, Radio España, Cadea 100, Punto Radio, Radio Líder e a Radio Municipal de Lalín.

A segunda mesa redonda das Xornadas de Comunicación, Gastronomía e Promoción do Turismo no Litoral de Lugo será moderada por Carmen Cruzado, xornalista que dirixe Faro Norte Comunicación desde xaneiro de 2008. Anteriormente desenvolveu o seu labor profesional en COPE Lugo e COPE Ribadeo, na delegación da TVG en Lugo, en RadioVoz e La Voz de Galicia en Lugo, e en Onda Cero na Coruña. Desde o 13 de outubro de 1999 ao 1 de xaneiro de 2008 foi xefa de informativos en Galicia de Onda Cero Radio, empresa da que actualmente está en excedencia.

*Paralelamente celebrarase en Viveiro a festa do mexillón, que se inclúe tamén no programa das xornadas. Será os días 11 e 12, venres e sábado, nestes doce establecementos hostaleiros asociados ao Centro Comercial Histórico de Viveiro: Mesón A Baiuca, Restaurante O Muro, La Fontana Bar, Gastro-Bar Los Leones, Restaurante Casa Pepi, Bar O Atallo, Bar O Calviño, Asador La Quinta, Mesón O Recuncho, O Rincón do Tronco, Parrillada Nova Esmorga e Mesón A Ría.

As Xornadas de Comunicación, Gastronomía e Promoción do Turismo no Litoral de Lugo son promovidas pola Mariña Federación, organizadas por Faro Norte Comunicación e contan co respaldo do Galp A Mariña-Ortegal. Neste 2016 celebráronse xa en Foz e este fin de semana en Viveiro. Será xa no próximo ano cando leven a cabo en Burela, Xove, O Vicedo e Ribadeo.

Exit mobile version