Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Viveiro asegura que “os expedientes estaban completos en prazo, polo que cabe interpretar que a vontade política foi non conceder os obradoiros de emprego”

En días pasados, a prensa local recolleu as declaracións de Antonio Bouza, voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, nas que se acusaba ao goberno local de enganar aos veciños e de deixar escapar os talleres de emprego por non completar a documentación requirida, facendo referencia expresa á falta de determinados certificados.

Ante tan graves acusacións cómpre realizar as seguintes aclaracións: En 2016, o Concello solicitou dous obradoiros de emprego, un de novas tecnoloxías e outro de hostelería; en ambos casos, o Concello recibiu requirimentos de documentación, que foron debidamente atendidos e contestados.

Con respecto ao obradoiro de emprego de novas tecnoloxías, con número de rexistro de entrada na Xunta 2016/808-rx963583, o concello remitiu a documentación solicitada, entre a que figuraba o certificado emitido pola Intervención coa cantidade comprometida no orzamento de 2016, sendo evidente que a cantidade para a parte do exercizo 2017 non se pode incorporar ata á aprobación do orzamento de 2017. Polo que se refire á diferencia entre a cantidade reflectida na memoria e á que aparece no certificado, cómpre indicar que a memoria abrangue a cantidade correspondente aos anos 2016 e 2017, mentres que no certificado só aparece a cantidade para 2016.

Con respecto ao obradoiro de emprego de hostelería, con número de rexistro de entrada na Xunta 2016/809-rx963633, o concello remitiu a documentación solicitada, entre a que figuraba o escrito que este concello remitiu á Xunta de Galicia solicitando autorización para utilizar o albergue para este fin, pois tense coñecemento de que o albergue só se utiliza durante o periodo estival e entendeuse que sería posible utilizalo durante o inverno, sobre todo tendo en conta o fin ao que se destinaría.

Con isto queda demostrado que os expedientes referidos estaban completos en prazo e cabe interpretar que a vontade política foi non conceder os obradoiros de emprego, pois, ademais, o concello podería ter realizadas as aclaracións oportunas na instrucción do expediente, ao que nunca se lle deu a oportunidade.

Agardo que estas explicacións sirvan para zanxar de unha vez esta polémica, indicando que no concello están os expedientes de ambos obradoiros nos que calquera cidadán pode constatar todo canto antecede.

Exit mobile version