Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de medio ambiente de Burela chama á colaboración de cara á mellora da recollida de cartón e enseres

Burela, 12 de decembro de 2016. A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, fai unha chamada á colaboración veciñal e empresarial para mellorar a recollida do cartón e de enseres. A edil lémbralles aos veciños e veciñas de Burela que os días establecidos para a retirada do cartón porta a porta son os martes e os xoves e que a xornada establecida para a recollida de enseres é o mércores. Fora deses días non pode haber nada tirado nas rúas da localidade.

A concelleira socialista manifestou esta mañá: “desde a Concellería de Medio Ambiente queremos lembrarlles aos comerciantes que os días de recollida do cartón porta a porta son os martes e os xoves. Fora deses días o cartón non pode quedar tirado na rúa. Estamos a detectar moitos casos deste tipo, xente que deixa o cartón durante toda a semana diante dos seus negocios. Insisto, os días de recollida do cartón son os martes e os xoves. O resto da semana os comerciantes, hostaleiros, etc… deberán dirixirse aos contedores de papel que temos instalados en varios puntos da vila”.

Noelia Mª Ben contou que “o mesmo está a pasar cos enseres. O único día de recollida é os mércores. O que ten que facer a xente é deixar o martes de noite ou o mércores ben cedo eses enseres na rúa, despois de ter solicitado a súa retirada. E nada máis. Os enseres non poden estar días e días tirados na rúa á espera de seren recollidos”.

A edil de Medio Ambiente advirte que “se seguimos así verémonos na obriga de aplicar a normativa correspondente. É dicir teremos que multar a quen estea a incumprir a ordenanza. Non podemos permitir, que por comodidade ou deixadez dalgúns Burela ofreza unha mala imaxe”.

Exit mobile version