Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do Mar invistiu 12,6 millóns de euros na mellora dos portos autonómicos da Mariña entre 2009 e 2016

Santiago, 6 de decembro de 2016.- A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, realizou actuacións por valor 12,6 millóns de euros no período 2009-2016 orientadas á mellora das condicións de traballo e operatividade dos usuarios dos portos de titularidade autonómica da comarca da Mariña lucense.

Estas actuacións foron realizadas nos portos de Burela, Foz, Cervo, Xove, O Vicedo, Viveiro e Ribadeo atendendo ás liñas estratéxicas de crecemento, sustentabilidade, eficiencia e das Tecnoloxías da Información e da Comunicación e a pesar das condicións orzamentarias que esixía o contexto económico do momento e de atender as obras que xurdiron con motivo dos temporais. Desenvolvéronse cunha planificación coa vista posta, entre outros aspectos, en acadar novos tráficos e reforzar os existentes no eido das mercadorías. Tamén en conseguir novos tránsitos e atraques para a náutica deportiva e a captación de máis descargas doutras comunidades autónomas e países no eido da pesca e do marisqueo.

Nunha análise por municipios, o porto de Burela recibiu investimentos en infraestruturas portuarias por valor de 1,7 millóns de euros e de preto de 167.700 euros máis para actuacións menores, destacando as obras de ampliación do peirao comercial por importe de 1 millón de euros. En Foz investíronse máis de 469.100 euros nas grandes infraestruturas e 55.200 máis en obras menores e a actuación de maior importe foi a dragaxe da canle de acceso ao porto.

Polo que respecta ao municipio de Cervo, investíronse preto de 132.000 euros en obras maiores, destacando as obras de reparación dos efectos dos temporais – de preto de 56.400 euros- e preto de 60.000 euros máis en actuacións menores. En Xove o novo pantalán de embarcacións pesqueiras do porto de Morás supuxo un investimento de máis de 63.200 euros e outros 1.000 achegáronse para pequenas reparacións. No municipio do Vicedo destinouse 1 millón de euros á remodelación das instalacións náutico pesqueiras e o peche perimetral da nave de redes así como outros preto de 52.200 euros para obras menores. En canto a Viveiro, o investimento en grandes infraestruturas foi de 2,5 millóns de euros, entre os que destaca a partida de 805.000 euros para o reforzo do dique, e en obras menores investíronse máis de 85.200 euros máis.

Finalmente, en Ribadeo realizáronse neste período investimentos en grandes infraestruturas portuarias por valor de 7,3 millóns de euros, entre os que destaca o ensanchamento do peirao e a canle de navegación, con 4,2 millóns de euros de orzamento, e máis de 113.500 euros a maiores en obras menores.

Máis tráficos, tránsitos e valor
Estas accións favoreceron a recuperación e estabilidade dos tráficos dos portos autonómicos, os tránsitos no eido da náutica deportiva e a facturación das vendas da pesca e do marisqueo. De feito, nos 9 primeiros meses de 2016 o tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual de máis dun 7% e no no eido da náutica deportiva rexistrouse un incremento interanual das embarcacións en tránsito de máis dun 9% durante o primeiro semestre de 2016, en relación ao mesmo período do ano anterior. En canto á pesca e ao marisqueo, a mellora nas instalacións de atraque e nas lonxas favoreceu un incremento de facturación no 2016, o mellor ano dos últimos 20.

Exit mobile version