Site icon Crónica3.com A Mariña

A Constitución, “a mellor ferramenta para afrontar os desafíos á unidade”

asdkfjasndlLugo, 6 de decembro de 2016- O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, presidiu o acto conmemorativo do 38º aniversario da Constitución Española, que se celebrou este mediodía na sede da institución en Lugo. No transcurso do mesmo, procedeuse á entrega de condecoracións da Orde do Mérito Civil, que concede o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, a catro membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado destinados na provincia.

▪ Encomenda da Orde do Mérito Civil:
-Juan Francisco Mariñas Canabal, inspector xefe da Comisaría Local da Policía Nacional en Monforte

▪ Cruz de Oficial da Orde do Mérito Civil:
-Manuel Borrajo Iglesias, inspector xefe da Comisaría Local da Policía Nacional en Viveiro

▪ Cruz de Prata da Orde do Mérito Civil:
-Santiago Julián Batres Anllo, garda civil no posto de Rábade

▪ Cruz da Orde do Mérito Civil:
-Javier Castro Ramírez, sarxento da Garda Civil no posto de Barreiros

O subdelegado do Goberno recoñeceu e agradeceu a labor dos catro condecorados, que fixo ademais extensiva a todos os compoñentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado destinados na provincia “pola vosa entrega e dedicación” para levar a cabo a labor que teñen encomendada “na defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns”.

UNIDADE FRONTE AOS DESAFÍOS
Ramón Carballo ensalzou no seu discurso o papel da Constitución do 78 por facer posible que “se sentaran as bases do que desexabamos o conxunto dos españois: defender os dereitos e liberdades da cidadanía, e garantir a xustiza e a igualdade”. Ao seu entender, a Carta Magna é “moito máis que un texto legal”, senón que é “un xeito de convivir nacido do respeto, a tolerancia e a cooperación”. Nese senso eloxiou o “exemplo de política con maiúsculas” demostrado polos pais da Constitución, “talentos políticos, reflexivos e xenerosos, que souberon antepor o interese da sociedade por riba de calquera afán político ou partidista, na procura dunha fórmula que garantira a convivencia en paz”.

O subdelegado referiuse tamén aos “novos desafíos” que van xurdindo co paso do tempo, ao tempo que animou a afrontalos “co mesmo consenso e unidade de hai 38 anos”. Recoñeceu que “houbo e haberá” quenes tenten vulnerar os principios básicos cos que se asinou a Constitución, “quenes menosprecien o pacto de consenso entre os cidadáns e mesmo quenes queiran poñer en perigo aquelo que con tanto esforzo se levou a cabo e que é a base da democracia no noso país. Pero a todos eles, engadiu, “seguímoslles a dicir que non estamos dispostos a que se cuestione a nosa unidade e o conquerido con tanto esforzo” porque, como lembrou, “a pesares dos avatares históricos o noso país optou sempre pola vía da concordia e o diálogo”.

Unha parte da súa intervención dedicouna ademais a agradecer o traballo dos membros das Forzas e Corpos de Seguridade, especialmente aos efectivos que prestan servizo na provincia de Lugo. Lembrou que “o crecemento e o progreso tén que discorrer parello a un país no que nos sintamos seguros e onde se manteñan en descenso os índices de criminalidade”. Neste senso recoñeceu o traballo dos membros da Garda Civil e da Policía Nacional, corpos dos que recoñeceu o “exquisito cumprimento das súas funcións”.

Para rematar o seu discurso, Carballo insistiu en que a Constitución é un dos “nosos bens máis prezados, a base da nosa convivencia”, que se erixe como o mellor instrumento de futuro, “un instrumento onde, de seguro, imos atopar o camiño para seguir facendo de Lugo, de Galicia e de España a terra que nos une e da que todos nos sentimos orgullosos”.

ASISTENTES
Entre os asistentes ao acto conmemorativo do aniversario da Constitución estiveron representantes da vida civil, militar, xudicial e eclesiástica da provincia. Entre eles, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a secretaria da Mesa do Parlamento, Raquel Arias; o presidente da Deputación, Darío Campos; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo; o fiscal xefe, Roberto Brezmes; o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco; o vicerreitor de Coordinación do Campus lucense, Javier Bueno; o subdelegado de Defensa, Carlos Boado; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Lugo, Miguel Ángel González Arias; e o comisario xefe provincial da Policía Nacional, Manuel Teijeiro, entre outros.

Exit mobile version