Site icon Crónica3.com A Mariña

A de Lugo, a primeira Deputación galega en recibir o premio á iniciativa institucional de COGAMI

asndkfasjdO Vicepresidente e Deputado de Benestar e Igualdade, Álvaro Santos Ramos, recolleu este sábado o Premio á Iniciativa Institucional que outorga a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e que este ano recaeu na Deputación lucense, o que converte á de Lugo no primeiro organismo provincial de Galicia en recibir este recoñecemento. Trátase dunha iniciativa que pon en valor o traballo feito pola institución lucense pola integración de persoas con discapacidade. O premio foi entregado polo Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Santos Ramos agradeceu este galardón e destacou que “dende a Deputación apostamos polas persoas, porque o concepto de igualdade é amplo pero resúmese en ser igual so por ser persoas. A riqueza dun país non se debe medir pola riqueza, nin polo PIB, senón polas condicións de vida das persoas e pola capacidade que temos para igualar a todas as persoas por arriba, non por abaixo. Queremos que as persoas con capacidades diferentes poidan optar as medidas que garantan a súa calidade de vida e benestar, para desenvolverse como calquera outro”.

Emprego inclusivo
Coa participación dos colectivos sociais da provincia de Lugo, como COGAMI, o Goberno Provincial converteu á Deputación de Lugo na primeira institución galega que puxo en marcha un plan de emprego que prima a contratación de persoas con capacidades diferentes. Trátase do Ben Empregado 3, que é máis social, pois a través desta iniciativa o Executivo lugués decidiu financiar ao 100% os custos laborais pola contratación de desempregados lucenses en risco de exclusión social (como persoas con problemas físicos ou psíquicos, entre outras) en empresas e entidades sociais da provincia. Esta programación inclúe, ademais, un Servizo de Intermediación Laboral para axudar aos traballadores a integrarse nas empresas e entidades nas que sexan contratados. A maiores, o organismo provincial sufraga o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes leven a cabo o seu traballo.

Para a súa elaboración, o Goberno da Deputación púxose en contacto cos colectivos sociais da provincia, como COGAMI, co obxectivo, entre outros, de coñecer os seus perfís laborais de cara a súa inserción laboral. Deste xeito, o organismo provincial conta con máis de 300 perfís profesionais de persoas con capacidades diferentes, que serán trasladados ás empresas e entidades beneficiarias do Ben Empregado 3co fin de facilitar a contratación destes profesionais.

O Executivo da Deputación ten en marcha nas instalacións de COGAMI en Lugo o Communitteando na provincia de Lugo. Trátase do obradoiro social de emprego xuvenil da Deputación, que ofrece formación teórica e práctica, remunerada cuns 650 euros mensuais, que é o salario mínimo interprofesional. Nel participan 15 mozos lucenses no paro, incluídos no Sistema de Garantía Xuvenil polas súas dificultades para acceder ao mercado laboral. Estanse a especializar como Community Manager e levan a cabo proxectos tecnolóxicos para favorecer o traballo de colectivos sociais.

Axudas con criterios sociais
Outras das cuestións polas que destaca o Goberno da Deputación de Lugo na defensa dos colectivos máis vulnerables e na incorporación en todas as súas convocatorias de axudas públicas de criterios sociais, precisamente, para favorecer a actividade de asociacións sociais ou, directamente, de persoas con capacidades diferentes. Son exemplo disto as subvencións de 900.000 euros de deportes e cultura.

Máis colaboracións con COGAMI
O Goberno da Deputación de Lugo colabora coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade a través de outras moitas programacións. Por exemplo, COGAMI reforzou os servizos que ofrecen aos seus usuarios grazas a anteriores edicións do Ben Empregado, pois contrataron un total de 5 persoas: un axudante de mantemento de xardinería, que é xordomudo; un profesor de actividade artísticas e unha auxiliar de Enfermería, ambos con discapacidade física, así como un logopeda e fisioterapeuta.

O Executivo Provincial achega anualmente a COGAMI 50.000 euros para o seu Servizo de Intermediación Laboral, co que se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade das zonas rurais da provincia de Lugo a través do desenvolvemento de accións formativas. Grazas a esta prestación, COGAMI acadou nos últimos 3 anos unha inserción laboral de preto de 1.000 persoas con capacidades diferentes ou de difícil acceso ao mercado de traballo.

Outras axudas do Goberno da Deputación a COGAMI son, por exemplo, os 7.000 euros para financiar gastos pola rehabilitación física e emocional de persoas con capacidades diferentes que este colectivo ofrece aos seus usuarios na Mariña; 22.000 euros para o obradoiro prelaboral que se desenvolve na cidade de Lugo; ou os 5.000 euros para colaborar nos gastos de contratación dunha traballadora social en COGAMI Federación, entre outras colaboracións.

Premios COGAMI
Os premios COGAMI son os galardóns que creou a entidade para recoñecer a aquelas institucións, empresas e persoas que traballan a favor da inclusión de persoas con capacidades diferentes e que traballan por crear unha sociedade máis xusta. O Premios COGAMI 2016 foron fallados por un xurado formado polo Vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo Lestón; unha das usuarias dos servizos de COGAMI, Sheila Tarela García; en representación das entidades membros de COGAMI, Rosa María Vilar Cordovês; o Presidente da Asociación AMIZADE, Paulo Fontán Torreiro: e, por último, Juana Mª Tubío Ordóñez, secretaria designada polo presidente do xurado.

Exit mobile version