Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación consegue unha inserción laboral do 40% co Ben Empregado 1

O Goberno da Deputación conseguiu unha inserción laboral do 40% a través do Ben Empregado 1. Trátase da programación de emprego coa que o Executivo Provincial decidiu financiar todos os custos laborais pola contratación de desempregados lucenses en empresas e asociacións da provincia durante 1 ano.

Con este plan, o Goberno da institución crea emprego, mellora a competitividade do tecido empresarial lucense e contribúe á actividade social dos colectivos sociais sen ánimo de lucro.

Cómpre subliñar, que este programa, que xurdiu de reunións participativas cos veciños, converteu á Deputación de Lugo na primeira administración de Galicia que uniu ao tecido empresarial co asociativo. O Goberno Provincial escoitou en ditos encontros as súas necesidades laborais, definindo en base ás mesmas os perfís profesionais, que financiou con preto de 4,5 millóns de euros, e ofreceu a desempregados lucenses. Unión, polo tanto, a oferta de emprego coa demanda.

Ademais, co Ben Empregado I, o Executivo Provincial continuou coa súa defensa dos dereitos dos traballadores, pois en todos os contratos laborais incluíronse cláusulas sociais para blindar os seus dereitos, impedindo baixadas salariais ou incumprimentos dos convenios de cada sector profesional.

Datos
Co Ben Empregado 1, o Executivo Provincial creou un total de 238 novos empregos, todos eles dirixidos a lucenses no paro, en 212 entidades da provincia. Financiou o 100% dos custos laborais durante un ano con case 4,5 millóns de euros de fondos propios da Deputación.

Destes 238 postos de traballo, finalizaron o período dun ano subvencionado pola Deputación 227, pois quedan 11 traballadores cuxos gastos laborais segue a subvencionar o organismo provincial.

Dos 227 contratos finalizados que subvencionou a institución, un total de 86 continúan nos seus postos de traballo, con novos contratos, que xa asume na súa totalidade as outras tantas empresas e colectivos sociais da provincia. Isto supón que, polo momento, a inserción laboral real do Ben Empregado 1 sexa do 40%.

De ditos 86 empregos creados, o 60% están ocupados por homes que estaban no paro e o 40% por mulleres na mesma situación.

O 35% destes 86 lucenses con traballo grazas ao Ben Empregado 1 teñen unha idade de entre 27 e 36 anos; o 31% de entre 37 a 46; o case o 20% de entre 47 e 56; preto do 12% entre os 18 e 26 anos; e un pouco máis do 2% son maiores de 57 anos.

A distribución destes 86 empregos por zonas é a seguinte: na zona centro da provincia aglutínanse o 46% dos mesmos, isto supón que son 40 postos de traballo creados; na Mariña preto do 21%, con 18 empregos; no Sur case o 14%, con 12 postos; na Montaña e na Comarca de Sarria o 7% respectivamente, con 6 empregos en cada zona; e na Ulla preto dun 5%, con 4 postos de traballo.

Ben Empregado 2
Case 4.000 lucenses no paro optaron aos postos de traballo que ofreceu o Goberno da Deputación co Ben Empregado 1. Ante a demanda desta programación de emprego, o Executivo Provincial decidiu poñer en marcha unha nova edición con outros 5 millóns de euros de fondos provinciais.

Con este orzamento, o Goberno da institución luguesa financia a día de hoxe os custos laborais doutros 308 postos de emprego, que ocupan lucenses que estaban no paro e que hoxe traballan en 286 empresas e colectivos sociais da provincia de Lugo.

Estas 286 entidades da provincia son de 61 Concellos, nos que o Executivo Provincial creou 308 postos de traballo. Son 135 empresas e colectivos sociais con novos traballadores da zona Centro da provincia; 43 do Sur; 37 da Mariña; 36 da Comarca de Sarria; 23 da Montaña e 12 da Ulloa.

Ben Empregado 3: mellorado e máis social
Mentres seguen a traballar os 308 beneficiados do Ben Empregado 2, así como 11 do Ben Empregado 1, o Goberno Provincial decidiu poñer en marcha unha terceira edición desta programación con 3 millóns de euros. O Executivo mellorou e fixo máis social o Ben Emprego 3. Contempla 2 liñas de actuación:

– unha dirixida a empresas lucenses, ás que a Deputación ofrece subvencionar o 50% da contratación de desempregados lucenses e o 100% no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Por exemplo, cidadáns con problemas sensoriais, físicos ou psíquicos; mulleres vítimas de violencia de xénero, ex-reclusos ou veciños de etnia xitana…

Nas pasadas edicións do Ben Empregado, subvencionábase, en todos os casos, o 100% da contratación dos desempregados. Nesta terceira convocatoria, o Goberno da Deputación busca unha maior implicación das empresas. Máis responsabilidade compartida coa institución para, conxuntamente, fomentar a empregabilidade e a inserción laboral de persoas que teñen máis dificultades para atopar traballo; ao tempo que se impulsan os seus negocios. O Executivo quere que as empresas, que finalmente resulten beneficiadas, o sexan porque, verdadeiramente, necesitan traballadores.

– A segunda liña de actuación está dirixida a entidades e colectivos sen ánimo de lucro. Neste caso, a Deputación subvencionará ao 100% a contratación de desempregados lucenses. “Entendemos que, deste xeito, contribuímos á importante laboral social que levan a cabo estas asociacións na provincia”, indicou.

Servizo de Intermediación Laboral e financiación de equipamento
O Ben Empregado 3 ten dúas importantes novidades. A posta en marcha, dende a Deputación, dun Servizo de Intermediación Laboral para axudar aos traballadores a integrarse nas empresas e entidades nas que sexan contratados. A outra é que o organismo provincial sufragará o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes leven a cabo o seu traballo. Por exemplo, unha máquina con determinadas características ou unha rampla de acceso as súas instalacións laborais.

Máis novidades
As subvencións a empresas e entidades serán por réxime de concorrencia competitiva. Poderán concorrer ás mesmas todas as empresas e entidades sociais da provincia, agás aquelas que se beneficiasen do Ben Empregado 1 e 2 e non contrataran finalmente aos traballadores que lles subvencionou a Deputación durante un ano.

Anteriormente, o organismo provincial subvencionaba un máximo de traballadores por empresa ou entidade. Nesta terceira convocatoria, non se limita o número de traballadores. O que se fai é establecer un máximo de 22.000 euros de subvención por empresa ou entidade, coa que sufragar os custos laborais e salariais dos traballadores. As empresas e entidades poderán contratar o número de traballadores que necesiten, respectando, sempre, os seus dereitos laborais. Este é outro exemplo máis da maior implicación e responsabilidade que se lles pide ás empresas.

Máis cláusulas sociais e tamén nos criterios de valoración
Para crear empregos de calidade, blindar e dignificar os dereitos dos traballadores, o Goberno da Deputación incorporou máis cláusulas sociais, que, ademais, xa se inclúen nos criterios de valoración das empresas e entidades que opten ao Ben Empregado. Por exemplo, ademais das melloras con respecto aos convenios co sector que xa se tiñan en conta; valorarase, positivamente, as propostas que impliquen contratacións indefinidas de traballadores; que inclúan medidas de conciliación, cursos de formación ou melloras no sistema produtivo. As cláusulas sociais incorporaranse, posteriormente, e como nas anteriores convocatorias, nos contratados laborais dos traballadores.

Mozos, mulleres e maiores de 45 anos
Para potenciar o emprendemento, a igualdade laboral entre homes e mulleres e o emprego entre persoas de maior idade, no proceso de selección das empresas e entidades terán prioridade os proxectos das de nova creación, as de cuxos promotores sexan mulleres, mozos de entre 16 e 35 anos ou maiores de 45.

Obrigas e máis control
As empresas e entidades beneficiadas terán a obrigación de cumprir coas cláusulas sociais. De non facelo, perderán a subvención. A Deputación establece máis medidas de control. Por exemplo, os 10 primeiros días de cada mes terán que notificar ao organismo provincial, con documentación oficial, o ingreso das nóminas aos traballadores.

Actualmente, empresas e colectivos sociais sen ánimo de lucro de 61 Concellos da provincia solicitaron á Deputación un total de 765 axudas económicas para contratar novo persoal a través do Ben Empregado 3. Técnicos provinciais están a valorar estas solicitudes coa previsión de ofrecer novos postos de traballo no 2017.

Exit mobile version