Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios da Mariña reclamará ante ADIF un servizo público de calidade para a comarca

A Mariña, 20 de decembro de 2016. A Mancomunidade de Municipios da Mariña solicitará unha xuntanza cos responsables de Adif para facerlle chegar as demandas en materia ferroviaria da Mariña luguesa. Alfredo Llano alude, entre outros, aos posibles fins turísticos do tren que percorre esta comarca. Este foi un dos asuntos que se abordou no pleno celebrado onte en Cervo, o último deste 2016, no que tamén se falou da presenza da Mariña en Fitur.

Na sesión plenaria de onte foron varios os temas que se abordaron, segundo explicou o seu presidente: “os puntos importantes eran os referidos ás achegas económicas dos diferentes Concellos. Lembrar que cada Concello paga 0´72 céntimos de euro por habitante. Hai que dicir tamén que desde a última vez que se fixo o padrón da Mancomunidade perdéronse 800 habitantes, o cal quere dicir que debemos procurar dalgunha maneira ir recuperando as mellores condicións para que a xente faga aquí o seu proxecto de vida e ir pouco a pouco ganando poboación”. E insistiu en que “poñemos cada un de nós 0´72 euros por habitante, que é a achega económica que aporta cada un dos Concellos. Esta cantidade vai en función dos habitantes. O último que ten que integrarse é Viveiro e ten aproximadamente uns 15 ou 16.000 habitantes”.

Alfredo Llano dixo que “en liñas xerais coas achegas dos Concellos, sen contar Viveiro, veñen sendo uns 42.000 ou 43.000 euros. Despois temos as subvencións que veñen da Xunta a través de Turismo, xa tivemos este ano 80.000 euros máis outros 80.000 que imos ter para o ano que ven. Tamén as achegas das diferentes subvencións como o Plan Avanza, que é o programa de emprego que estamos levando adiante seis concellos da Mancomunidade ou como poden xurdir algúns premios que temos ganado como o Premio Coopera, que foi contra a violencia de xénero e desenvolveuse durante os meses de novembro e decembro. Todo iso sumado dá o que foi o orzamento deste ano e as previsións para o ano que ven”.

O presidente da Mancomunidade considera que “para levar máis ou menos os temas ordinarios é suficiente este orzamento, aínda que nos gustaría ter máis para poder compartir servizos que foran vantaxosos para todos os concellos”.

A presenza da Mariña en Fitur foi outro dos asuntos abordados no último pleno deste 2016 na Mancomunidade de Municipios. Alfredo Llano contou que “o día 19 de xaneiro ás seis da tarde teremos a presentación de toda a riqueza patrimonial e paisaxística desta zona. Estamos barallando a posibilidade de que esa presentación en Fitur a faga algún persoeiro da Mariña, algún escritor, pintor, etc… en lugar dos alcaldes. E tamén estamos pensando a posibilidade de facer algún acto fora do que é a feira mesma, nalgún restaurante de Madrid. Si non nos dese tempo de organizalo para este vindeiro xaneiro, quedaría a idea para 2018”.

A Mancomunidade solicitará manter unha entrevista con responsables de Adif para facerlles chegar as demandas da Mariña en materia ferroviaria: “viña este tema un pouco ligado coa reclamación que facía Ribadeo e coa que tamén se fixo este último fin de semana en Lugo a través de todos os partidos políticos, asociacións e diferentes colectivos, que tamén reclaman unha mellora notoria na provincia de Lugo con respecto ao que son os servizos ferroviarios. Aquí tamén nosoutros queremos poñer o noso grao de area e facer o que se poida para lograr un servizo público na Mariña con melloras para ser aproveitadas, unha delas é a das estacións e os apeadoiros”.

Llano subliñou que “tamén queremos que o servizo sexa un beneficio claro para o turismo da Mariña. Sería interesante volver reclamar ou poñer en valor trens que son turísticos que veñen con xente especificamente para visitar o noso litoral, e que foran parando naqueles Concellos que teñen estacións. Sería bo aproveitar estes servizos para que moitos colectivos sexan estudantís ou outros que queiran viaxar, mirar a fórmula para que poidan visitar diferentes Concellos e facer viaxes turísticos, culturais e de toda índole. E outra petición que temos feito é para beneficiar o traslado e o transporte de viaxeiros que se poidan mover pola Mariña en media distancia para que moita xente que está traballando nun concello e vivindo noutro puidera desprazarse con facilidade”.

O presidente da Mancomunidade indicou que “quedamos en poñernos en contacto con responsables de Adif, a nosa intención é ter unha conversa con eles e expoñerlles todo o que estivemos falando onte. Cada Concello fará as súas suxestións e con elas manteremos unha conversa con Adif. Trataremos de chegar a un acordo, a nosa intención é promover e facilitar que o tren siga da mellor maneira posible dando servizo na comarca”.

Alfredo Llano fixo tamén unha valoración positiva do desenvolvemento do Plan Avanza, no que están a participar 6 Concellos da Mancomunidade de Municipios.

Exit mobile version