Site icon Crónica3.com A Mariña

A xestión do desvío e a apertura da A8 no Alto do Fiouco axilizarase grazas á automatización dende o CGT da Coruña

anisdflkxnczO Centro de Xestión de Tráfico (CXT) do Noroeste acolleu este xoves na súa sede da Coruña a presentación do sistema de control remoto que xestionará os futuros desvíos no tramo lucense do Alto do Fiouco na autovía do Cantábrico, un percorrido afectado frecuentemente por problemas de meteoroloxía adversa, especialmente néboas densas e fortes ventos, que obrigan a forzar o seu peche desviando o tráfico cara á N-634.

Ata agora o desvío realizábase con medios materiais e humanos, coa perda de tempo e riscos que iso levaba. Isto levou á Dirección Xeral de Tráfico (DXT) a poñer en servizo un sistema automatizado de desvío de tráfico para garantir, en todo momento, a seguridade e información do condutor.

Trátase de reducir ao máximo o tempo que se tarda en pechar ao tráfico a autovía desde que se detecta falta de visibilidade, momento en que se ordena un desvío, e a anulación inmediata do mesmo cando se revertan as condicións meteorolóxicas.

O proxecto que o fará posible leva por nome “Desvío automatizado do tráfico desde a A-8 (zona de O Fiouco) á N-634 ante condicións meteorolóxicas adversas” e foi presentado polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, xunto á coordinadora de Tráfico da DXT en Galicia, Vitoria Gómez, a xefa provincial de tráfico de Lugo, Paula Yubero; o director do CXT do Noroeste, Ramiro Martínez; o tenente Coronel xefe do Sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia, Francisco Javier Molano; e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río.

O novo sistema de xestión foi probado satisfactoriamente o pasado luns e supón a instalación de tecnoloxía punteira para potenciar a seguridade viaria na autovía. “Trátase dunha mellora na seguridade”, tal e como lembrou o delegado do Goberno, “mentres se avanza na selección dun proxecto que solucione definitivamente os problemas xerados pola meteoroloxía adversa na zona”.

O proxecto presentado este xoves contou cun investimento de 3.486.000 euros e abarca a instalación de equipos ITS (Sistemas de Transporte Intelixente) entre Ribadeo e Vilalba. Concretamente, inclúe a instalación de 14 Paneis de Mensaxe Variable (PMV), 21 cámaras de TV na A-8 e a N-634 (na praia de As Catedrais e na Xesta), 14 estacións de toma de datos (puntos de aforamento para contar vehículos), 4 estacións meteorolóxicas, 2 radares de tramo na ponte dos Santos en ambos os sentidos, un radar de tramo en O Fiouco en sentido Baamonde-A6, así como balizas de desvío e sinalización dinámica.

FUNCIONAMENTO DO SISTEMA
Ante situacións de meteoroloxía adversa (xa sexa por néboa, vento ou neve), en función duns limiares definidos tecnicamente, establécense unhas restricións que consisten en reducir a velocidade máxima ou, baixo determinados parámetros, en prohibir a circulación na A-8 ordenando o desvío cara á N-634 entre os puntos quilométricos 536-552 en ambos os sentidos.

O desvío será automatizado e guiado. Nos Paneis de Mensaxe Variable anteriores á zona afectada informarase en ambos os sentidos da situación do desvío e da causa que o xera. No panel anterior ao desvío guiarase ao condutor cara á saída indicada mediante sinalización (paneis aspa-frecha) e balizamento (balizas encaixadas no chan).

Exit mobile version