Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta asegura ter “informado ao Concello de Viveiro de cada paso dado para adxudicar as vivendas de promoción oficial”

Viveiro, 23 de decembro de 2016.- O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) informou ao Concello de Viveiro de cada paso que se veu dando desde o ano 2012 para adxudicar as vivendas de promoción oficial construídas nesta localidade.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que o Concello de Viveiro era coñecedor da existencia de vivendas vacantes e dos distintos intentos por parte da Xunta de Galicia de adxudicalas. En consecuencia, non ten sentido que a alcaldesa fale de descoñecemento neste asunto.

Desde esa data, en cada un dos trámites que se foron cumprimentando por parte da Comisión Provincial de Vivenda, efectuouse a convocatoria preceptiva ao Concello de Viveiro, cuxos representantes acudiron a algunhas xuntanzas e noutras escusaron asistencia, como foi o caso da última.

Ademais de convocar ao concello ás reunións da Comisión Provincial de Vivenda, desde o Instituto remitiuse ao concello, para cada un dos tres sorteos que se efectuaron: Comunicación de inicio de procedemento de selección de adxudicatarios por sorteo de vivendas vacantes; lista provisional de adxudicatarios resultante de devandito sorteo para a súa publicación no taboleiro de anuncio do Concello; e lista definitiva de adxudicatarios aprobada pola Comisión Provincial de Vivenda, para a súa publicación.

E para rematar, no proceso de adxudicación, naqueles casos que resulta a existencia de adxudicatarios definitivos, comunícase ao concello a celebración do sorteo de asignación de vivendas entre os devanditos adxudicatarios e o acto de visita ás vivendas adxudicadas, solicitándolles ademais a utilización dalgún local municipal para a celebración dun encontro cos solicitantes ao que se invita aos membros da corporación municipal que desexen asistir. Idéntico proceso repítese para o acto de entrega de vivendas.

O Instituto tamén aclara que a oficina local de rehabilitación non tramita os expedientes de inscrición no rexistro de demandantes; simplemente remite á Xunta as solicitudes que se presenten no Concello. Desde a administración autonómica en reiteradas ocasións solicitouse colaboración á devandita oficina ao obxecto de fomentar a inscrición, sobre todo antes da apertura dos distintos procesos.

“Agardamos que das palabras da alcaldesa se deduza unha disposición para ampliar esa colaboración, porque o que temos claro é que ambas administracións están moi interesadas en que os veciños de Viveiro coñezan e podan solicitar –si están interesados- estas vivendas, respondendo á demanda social existente neste ámbito”, concluíu Balseiro.

Exit mobile version