Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA Ribadeo contrata grupos de música para animar as rúas o 23 e 24 de decembro

Ribadeo, 5 de decembro de 2016. ACISA Ribadeo levará a cabo diversas actividades que contribuirán á ambientación das rúas e dos locais asociados durante estas festas do Nadal. Así contratará grupos de música para animar as rúas nos días centrais do Nadal e volverá colaborar co Concello na instalación da pista de xeo natural, que estará situada no parque de San Francisco. Ademais a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autonómicos de Ribadeo celebrará a comezos do novo ano, o día 14 de xaneiro, unha nova edición da Festa do Comercio.

ACISA Ribadeo contratará grupos de música en directo, que interpretarán o tradicional repertorio de panxoliñas, para ambientar as rúas os días 23 e 24 de decembro en horario comercial. “Tendo en conta que esta actividade vai depender en gran medida da climatoloxía, a asociación espera que se poida levar a cabo sen incidencias”, advirten desde a asociación.

Por outra banda e por segundo ano consecutivo, ACISA colaborará co Concello de Ribadeo na instalación da pista de xeo natural, que se situará no parque San Francisco. Segundo a directiva “esta actividade é a aposta máis clara de ACISA durante este período do Nadal, pois supón un gran investimento”. Desde a asociación explican que “tal e como se fixo o ano pasado, por compras superiores a 20 euros, tan só os comercios asociados poderán entregar un vale do 50% de desconto na entrada á pista. Os vales deberán ir selados na parte posterior polo establecemento que faga dita entrega. Os clientes deberán presentar no despacho de billetes tanto o vale de desconto como o ticket e só se poderá entregar un vale de desconto por cada ticket de compra superior a 20 euros. Para que os clientes poidan presentar o vale desconto na pista, deberá ir grampado ao ticket de compra”.

ACISA Ribadeo está a preparar ademais unha nova edición da Festa do Comercio, que terá lugar o 14 de xaneiro no Cinema Teatro ás 20:30 horas. Durante a festa sortearanse 2.000 euros en premios. Haberá un sorteo en directo e presencial de 1.750 euros en vales de compra repartidos nun primeiro premio de 1.000, un segundo premio de 500 e un terceiro premio 250 euros; e sortearase outro premio de 250 euros non presencial. Os premios presenciais sortearanse ata que aparezan os boletos premiados.

Todas as rifas serán gratuítas e obteranse nos establecementos asociados durante a campaña de Nadal.

Exit mobile version