Site icon Crónica3.com A Mariña

Arranca o #INLUGO, o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais da Deputación, coas 600 prazas esgotadas

Arranca este venres o #INLUGO, a cuarta edición do Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais que organiza o Goberno da Deputación, coas 600 prazas totalmente gratuítas esgotadas. Dará comezo este venres, a partir das 16.00 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, coa benvida ao público e ós poñentes por parte do Presidente, Darío Campos Conde, e da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López. O organismo provincial promove un ano máis a celebración deste evento, consolidado no panorama galego e estatal, co obxectivo de fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual.

Así, Lugo converterase durante esta fin de semana no epicentro das redes sociais e da cultura dixital coa presenza confirmada de preto de 20 destacados expertos e figuras relevantes das novas tecnoloxías, que compartirán nesta cita os seus coñecementos cos asistentes. A expectación que xera este evento é tal, que nas primeiras 24 horas trala apertura do prazo de inscricións, completouse o 70% do aforo.

Entradas esgotadas e emisión en director por Internet
Como novidade este ano, ofreceuse a posibilidade de solicitar unha entrada para cada unha das sesións, isto é, para o venres pola tarde, o sábado pola mañá e o sábado pola tarde. Deste xeito, a previsión é que preto de 600 persoas asistan a esta nova edición do congreso, converténdose ademais nun escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia. De feito, o #INLUGO vén conseguindo en cada edición ser trending topic en Twitter, o que supón unha gran proxección da provincia e do talento lucense.

Cómpre sinalar que todas aquelas persoas que non teñan a súa entrada e queiran seguir o congreso, estas poderán facelo a través de Internet, pois a TIC da Deputación emitirao en streaming na web www.deputacionlugo.gal ou www.inlugo.com.

Concurso de fotografía #inlugo16
Xunto ó coñecemento e formación que todos os asistentes a #inlugo16 recibirán a través dos relatorios e obradoiros, o programa completarase, como en pasadas edicións, con outras actividades de ocio e socialización que permitan extender os lazos entre persoas, máis alá dos dixitais. É o caso do concurso de fotografía #inlugo16 co que se busca premiar á mellor fotografía da cidade (podendo estar tamén relacionada co congreso) que os asistentes publiquen en Twitter co hashtag #inlugo16. O gañador do concurso recibirá un smartphone última xeración.

Programa do venres
A conferencia inaugural terá lugar ás 17.00 horas baixo o título de Instagram, la revolución social fotográfica e nela abordarase o fenómeno de Instagram e dos Instagramers da man de Phil González, Head of New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, pero sobre todo é creador da maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, http://instagramers.com/, con presenza en centos de cidades do mundo e en continua expansión.

A continuación, ás 17.45 horas, comezará a ponencia ¿Son seguros los alimentos que comemos? Impartida por Miguel Ángel Lurueña (@gominolasdepetroleo), doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do blog gominolasdepetroleo.com

Tras unha pausa de media hora, ás 19.00 horas será a quenda de Óscar Fafián (@ofafian), responsable de Marketing de R Galicia, quen impartirá a conferencia Hogar Digital e Internet de las Cosas. Xa as 19.45 horas, celebrarase un obradoiro baixo o título de Nuevos retos en la educación tecnológica, impartido por Juan Garcia (@blogoff), formador y director de la Escuela Bitácoras.

Para finalizar a primeira xornada do congreso, ás 20.00 horas terá lugar a Actuación musical de Víctor Grande (@vicgrande).

Cuarta edición dos premios #INLUGO16
Como peche ao congreso realizarase a tradicional entrega dos Premios INLUGO. Nacidos coa intención de recoñecer o labor e o empeño posto por empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital, conta con tres categorías: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e e Tecnoloxía.

Preto de 40 candidaturas foron presentadas para optar a estes premios de recoñecido prestixio a nivel galego e estatal. En concreto, 14 inscribíronse na categoría de Comercio, Lecer e Restauración, 16 na de Deportes, Cultura e Acción Social, e 9 na de Tecnoloxía. Logo de finalizar o prazo para participar, un xurado formado por membros da Deputación foi o encargado de valorar as candidaturas e elixir aos finalistas que se darán a coñecer durante a cerimonia de entrega será a partir das 19.30 horas o sábado.

Un elenco de luxo para #inlugo16
A cuarta edición do congreso contará con destacados expertos e figuras relevantes da rede que nos achegarán, dun xeito amento e didáctico a súa experiencia en ambitos como alimentación, fotografía, innovación, cultura dixital, YouTube, Instagram, etc.

Phil González, director dixital da productora Amc Networks International para Iberia e Latinoamérica, compañía coñecida por estar detrás de éxitos mundiais como Breaking Bad, Mad Men ou The Walking Dead. Fundador da rede mundial de Instagramers. Phil colabora puntualmente con Instagram e asesora ás empresas máis importantes do país á hora de lanzarse en Instagram, ademáis está detrás da exitosa app Canal Cocina con 2 millóns de descargas en iOS, Android, Google Glass, Smartwatch e AppleT. Phil falarános en #inlugo16 da súa experiencia e das redes sociais, sobre todo Instagram, onde él é un experto.

Óscar Fafian, responsable dende 2011 de Innovación de Desenvolvemento de Negocio en R Galicia, unha das empresas tecnolóxicas que máis firmemente está apostando no noso país por este tipo de servizos, falaranos do “Internet de las cosas”, en que consiste esta interconexión dixital de obxectos cotiáns con internet. Óscar é Enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e desenvolveu a súa carreira profesional vinculado ó sector dos sitemas de información e das telecomunicacións, ocupando dende fai máis de 16 anos un posto de responsabilidade no departamento de Planificación Estratéxida e Desenvolvemento de Negocio de R. Sempre estivo vinculado coa innovación e o uso das tecnoloxías de información e, entre outras cousas, liderou o equipo de R que implantou o servizo móvil como Operador Móvil Virtual.

Leandro Barea, ilustrador e humorista gráfico que conta cunha extensa experiencia en gandes empresas e publicacións do país como é o caso de Zara (Inditex), La Voz de Galicia, Público, TintaLibre, Luzes… sempre como deseñador gráfico. No caso de La Voz de Galicia estivo 10 anos realizando ilustracións diarias, o que lle serviu para que o diario gallego publicara un libro recopilatorio coas suas viñetas en 2010. En El Jueves estivo 8 anos ilustrando a publicación satírica máis coñecida do país. Logo de pasar por outras revistas e xornais, decidiu darlle un xiro ó seu traballo e exportar a súa arte a outros soportes. O seu traballo conta con recoñecementos a nivel internacional como Portugal ou Ucrania e as súas obras están expostas de forma permanente tanto en España como noutros países. Falarános de como pode aproveitar as redes sociais para darse a coñecer ó mundo.

Daniel Basteiro, vilalves afincado en Madrid, foi todo no xornalismo. Pasou polas redaccións de 20 Minutos e La Voz de Almería, tras colaborar en outros medios chegou a Brusellas como corresponsal de Público. Tamén colaborou para La Voz de Galicia, Radio Rance Internationale ou La Sexta. Tralo peche de Público pasou a formar parte de El Huffington Post ata que recibiu a chamada de El Español para formar parte do equipo que o desenvolveu. Tamén conseguiu manter un blog en activo ata o día de hoxe basteiro.com. Ninguén mellor ca el para falar do nacemento dos medios en liña: “Prensa Nativa Dixital”.

Sebas G. Mouret, creador del canal literario en YouTube El Coleccinista de Mundos, onde fala do que a el lle apaixona dende fai sete anos, a literatura, nos seus videos expón todo aquilo que os libros lle fan sentir a diario. Nado en Oviedo pero dende moi novo veuse a vivir a Lugo coa familia, actualmente vive en Madrid onde estuda Xornalismo. Sebastian soubo chegar a quen sente tanta paixón pola literatura como el; e na actualidade son cas 200.000 persoas as que están subscritas aos seus vídeos que suman millóns de reproduccións. Compaxina o seu canal de YouTube cos seus estudos e a sua labor de redactor na revista de literatura xuvenil El templo de mil puertas.

Conduce o evento Tamara Raposo
O evento contará cunha presentadora de luxo e que xa estivo presente en outras edicións como relatora. É Tamara Raposo, orixinaria de Pedrafita do Cebreiro, licenciada en Xornalismo, desenvolveu a sua carreira en medios de comunicación como a Cadena Ser e La Voz de Galicia e debido á súa inquietude sempre se mantivo moi ligada ás redes sociais e novos formatos.

Actualmente exerce como consultora de comunicación e executiva de contas dentro do equipo de Deva –axencia de comunicación especializada en comunicación financeira e institucional-, dende esta óptica xestiona as relacións con medios e a comunicación on e offline de ANESDOR, a Asociación Nacional de Empresas do Sector de Dúas Rodas. Tamén colabora como docente coa Universidade Complutense de Madrid.

Tamara será a encargada de conducir o evento e presentar ós relatores e protagonistas do mesmo.

Exit mobile version