Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata 210 traballos presentados ao certame de poesía de Nadal da biblioteca municipal El Viejo Pancho

aefqwe4fre4wRibadeo, 21 de decembro de 2016. Ao certame de poesía de Nadal da biblioteca pública municipal El Viejo Pancho presentáronse 210 traballos, feito que destacaron este mércores o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e a bibliotecaria, María Jesús Rañón.

A responsable da biblioteca explicou que “este martes rematou o prazo de entrega dos traballos para o certame de poesía de Nadal 2016. A biblioteca de Ribadeo desde hai moitos anos participa neste certame que se ven convocando a nivel provincial desde 1992. Esta é a vixésimo terceira edición e este ano para esta fase local presentáronse 210 traballos en tres categorías: de nenas e nenos ata 8 anos, de 9 a 11 anos e de 12 a 16 anos. A participación sempre é moi alta, a colaboración do profesorado e das familias é importante e desde a biblioteca estamos moi contentos. Dar as grazas a todos os que participan porque cremos que é moi importante que os nenos e as nenas se familiaricen coa lectura e coa escritura, que lles vai servir ao longo da súa vida”.

A continuación o edil de Cultura comentou que “é un pracer ir lendo os distintos poemas que se presentaron porque cada cativo e cada cativa é un mundo, é un feixe de creatividade que teñen que desenvolver pouco a pouco e para iso é moi importante que teñan a oportunidade de presentarse a concursos deste tipo. E dá os seus froitos porque aparte de que varios deles resultan gañadores dalgúns dos premios aquí, en Ribadeo, ademais participan na fase provincial e, por exemplo, o ano pasado na categoría A, de nenos e nenas de ata 8 anos, o poema Xesús nace, de Darío López Sanjurjo, que daquela tiña 6 anos, levou o segundo premio en Lugo; na categoría B, de 9 a 11 anos, o poema O Nadal máis fermoso do mundo, de Julia Rodríguez Menéndez, de 11 anos, levou o primeiro premio en Lugo; e na categoría C, de 12 a 16 anos, Sabela, de Alicia Asensio Bande, de 13 anos, levou o segundo premio en Lugo; e mesmo houbo un segundo accésit para o poema Espírito de Nadal, de Daniel Pérez Vargas”.

Para Farruco Graña “é un pracer ver que a capacidade creativa dos nosos nenos e nenas tamén esperta interese no ámbito provincial. Agardamos tamén que este ano algúns dos premiados, cantos máis mellor, reciban tamén o seu galardón na fase provincial, pero de momento imos centrarnos na local. Agradecer, como dicía Chus, a todo o profesorado e aos pais e nais que mostran interese pola escrita para que os rapaces poidan desenvolver tamén esa capacidade creativa. Nenos e nenas que len son nenos e nenas que poden escribir. Téñense que animar a practicar a lectura e a escritura, porque quen escribe ben é porque le ben e quen le ben ten a capacidade de escribir ben e quen escribe ben sabe expresarse e o día de mañá terá moita máis capacidade para desenvolverse na súa vida cotián. Se ademais algúns deles acaban sendo exemplo de literatura xa consolidada mellor que mellor e será todo un orgullo para os ribadenses ter persoas no eido das letras que destaquen pola súa capacidade creativa. Pero o fundamental é plantar a semente para que todos e todas leamos, visitemos a biblioteca El Viejo Pancho e tamén nos animemos a escribir”.

Ademais o edil nacionalista aproveitou para recordar que “aínda está aberto o prazo, ata finais de xaneiro, do primeiro certame literario e artes plásticas xuvenil do Concello de Ribadeo e quero lembrarlles aos mozos e mozas que no seu momento, sendo cativos e cativas, participaban neste certame de poesía infantil de Nadal e tamén no das Letras Galegas que sigan poñendo empeño na súa capacidade creativa e que ata finais de xaneiro teñen de prazo para entregar os seus traballos. Será unha aposta interesante que ademais verá o seu froito cando a comezos de verán, na Feira do Libro, presentemos as obras gañadoras en forma de libro. Así que ánimo, a seguir pensando e cavilando en ideas que frutifiquen nos relatos, poemas ou debuxos”.

Exit mobile version