Site icon Crónica3.com A Mariña

Balonmán Moaña 20-19 Galipizza Viveiro

O Balonmán Galipizza Viveiro viu cortada a súa xeira positiva en 11 vitorias. No choque entre invictos que se xogou o pasado sábado en Moaña, o conxunto do Morrazo impúxose nun desenlace moi cruel para os da Mariña. Os moañeses só foron unha vez por diante en todo o encontro, pero fixérono xusto cando se reparten os puntos, a tres segundos do final.

O cadro viveirés completou unha moi boa primeira parte. Aínda con problemas para atopar solucións en ataque, o bloque defensivo viveirés impúxose con autoridade, apoiado pola actuación de Emilio na porta e de Peña, que parou os dous sete metros que tiveron ao seu favor os locais. Deste xeito, os azuis mandaban xa de catro goles no ecuador do primeiro período (4-8), índose ao descanso cunha renda de cinco: 7-12. Os só sete goles encaixados falan moi ben da defensa dos de Viveiro.

Porén, o decorado cambiou por completo no segundo tempo. Os visitantes compareceron moi fríos e sen ideas en ataque, o que provocou que os locais se achegaran no electrónico. Tan só dous goles foron capaces de anotar os de Viveiro nos 15 primeiros minutos da reanudación, o que derivou nun parcial de 6-2 que situaba ao Moaña só un gol por debaixo: 13-14.

Para complicar aínda máis as cousas, no minuto 48 perdían os de Javi Villares a Carlos, nunha rigorosa descualificación, non porque non fora, senón porque os colexiados non aplicaron o mesmo criterio noutra acción practicamente idéntica que se producira poucos minutos antes na outra área. Nesa ocasión nin sequera falaron para determinar se a acción puidera ser merecedora da descualificación. Deixárona nunha simple exclusión.

A pesar disto, os viveireses recuperaron sensacións coa entrada no tramo derradeiro do partido e entre o 50 e o 55 foron capaces de coller unha pequena vantaxe de 2 goles (17-19). Mais, unha exclusión a Aitor cando restaban pouco menos de catro minutos para o final volvía a poñerlle as cousas costa arriba aos da Mariña. Os do Morrazo aproveitaron a superioridade para volver situar as táboas no electrónico e así se entraba no último minuto, agora con superioridade para o Galipizza Viveiro e posesión a favor.

Pese a ter dúas opcións de poñerse por diante, os azuis desaproveitaron ambas. Unha primeira nunha vaselina desde o extremo que se quedou moi curta e logo nunha recuperación de balón na que lanzaron un contragolpe moi precipitado no que acabaron recuperando a posesión os da casa. Así as cousas, con 35 segundos por xogarse, os locais dispoñían de posesión para poñerse por diante por primeira vez no encontro. Tras un tempo morto a 20 segundos do final, o Moaña fixo a súa aposta e saíulle cara con verdadeira boa fortuna, xa que a pelota se lle escurría das mans a un xogador local, pero en última instancia conseguía darlle un manotazo e acababa entrando mansiñamente na portería visitante.

BALONMÁN MOAÑA (20): Miguel e Champi; Modric (1), Piñeiro, Cobo (5), Pablo, Raúl, Veloso (4), Xoel, Víctor (5), Andrés (2), Carlos, Adri, Sergio, Álex (3) e Dani.

Exclusións: Modric, Veloso, Víctor e Andrés.

GALIPIZZA VIVEIRO (19): Emilio e Peña; Jose Labaén, Carlos (2), Javi Villares (1), Villares (3), Fede (1), Turbo (3), Mariño, Andrés, David (1), Sanjurjo (3), Jacobo e Aitor (5).

Exclusións: Andrés, David e Aitor (2).

Descualificado: Carlos.

Árbitros: Andrés Hermida e Tatiana González.

Incidencias: Uns 100 espectadores no pavillón do Rosal.

O Galipizza Viveiro afronta agora o parón de Nadal despois de firmar unha primeira fase de Copa inmaculada e de sumar 6 vitorias e 1 soa derrota no inicio ligueiro. Os de Javi Villares aproveitarán para facer unha minipretempada de cara ao duro calendario que teñen por diante no mes de xaneiro, no que empezarán medíndose a Lavadores, en Viveiro, e Bueu, fóra, dous conxuntos que aínda non perderon en Liga. Posteriormente, pecharán a primeira volta recibindo ao Carballal vigués e visitando a pista do Meaño.

Exit mobile version