Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela aprobará o 30 de decembro nun pleno extraordinario o orzamento municipal para o 2017

Burela, 23 de decembro de 2016. O pleno extraordinario no que se aprobará o orzamento municipal para 2017 terá lugar o vindeiro 30 de decembro ás 11 da mañá, segundo deu a coñecer este venres o alcalde, Alfredo Llano. O presuposto increméntase en 250.000 euros con respecto ao deste ano.

O rexedor contou que “no Concello de Burela imos facer un pleno extraordinario o día 30 deste mes, xa case rematando o ano, para aprobar os orzamentos correspondentes para o 2017. Son uns presupostos que con respecto aos que tivemos este ano, increméntanse en case 250.000 euros, o que vai moi ben para determinadas cousas que queremos facer no noso concello”.

Alfredo Llano subliñou que “pasamos de 6.800.000 euros a case 7.100.000 euros. O incremento é moi bo porque realmente imos facer dúas cousas especialmente. Unha delas é un incremento que ademais vai ser moi notorio en investimentos reais, para aí vai un gasto duns 425.000 euros que se van notar loxicamente no noso concello, e por outro lado o incremento que se vai dar en políticas sociais, aí aumentamos aproximadamente un 10%”.

O alcalde asegurou que “por un lado a través dos investimentos crearemos algún posto de traballo derivado das obras que se pretenden facer, e por outro en atención a necesidades sociais e urxentes tamén incrementamos un pouco o noso orzamento”.

Llano engadiu que “tamén hai previsto desafectar unha serie de edificios que temos no concello para poder aproveitalos para algunha urxencia social, para ter algo que ofrecer ás familias que poidan ter algún problema. Consideramos que en política social é unha cousa importante. No resto tamén imos procurar a través destes orzamentos, atender ás necesidades dos veciños de Burela e pensamos que dunha maneira ou doutra si que se van notar os orzamentos do ano que ven para mellorar substancialmente as necesidades, a convivencia e os servizos para que sexan o máis aproveitados posibles para os nosos veciños”.

Exit mobile version