O rexedor contou que “no día de hoxe tiven unha reunión importante co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que amablemente e moi dilixentemente se ofreceu para manter este encontro nesta xornada para falar de cuestións importantes para Foz e tamén para A Mariña lucense. Aproveitei a ocasión para felicitalo polo seu recente nomeamento como presidente da Xunta e agradecerlle a confianza neste últimos catro anos, ese bo traballo en equipo entre o goberno galego e o Concello de Foz e esa excelente relación que existe entre ambas institucións”.
Jorge Castiñeira dixo que “froito de todo isto temos unha residencia de anciáns totalmente rematada e equipada e pendente de iniciar o seu funcionamento. Temos tamén un convenio firmado por importe de 8 millóns de euros durante os vindeiros catro anos para o financiamento da nova depuradora de Foz, que se atopa en fase de tramitación do que é o anteproxecto. Estamos tamén pendentes da adxudicación definitiva da reorganización da avenida da Mariña, dentro do plan Urbe, financiado integramente pola Xunta de Galicia e pendentes tamén de licitar en poucas semanas o equipamento da Reitoral de San Martiño, como sede do centro de interpretación da orixe da diocese de San Martín de Mondoñedo”.
O alcalde de Foz explicou que “fora do que son os asuntos xa iniciados é certo que hoxe había un motivo importante para manter esta reunión, que era amosarlle a miña desconformidade porque apareceu unha dotación moi pequena dentro dos orzamentos de Portos de Galicia, concretamente 50.000 euros, para o dragado de Foz. Sabemos que está moi adiantado todo o que é o expediente administrativo e loxicamente entendemos que non debe haber ningún tipo de impedimento por parte da Xunta para financiar esta obra tan necesaria para nós, como é o dragado da dársena de Foz”. O rexedor quedou “bastante contento polo compromiso por parte do presidente da Xunta de que o financiamento non será ningún tipo de problema, solventando as cuestións administrativas, unha vez que estean para licitación as partidas económicas non van ser ningún problema. Estamos a falar de máis de 450.000 euros e nese sentido quedámonos tranquilos”.
Javier Castiñeira manifestou que “tamén é importante o ofrecemento do Concello de Foz para que o Cenima sexa un centro de referencia turística de toda A Mariña e desde o Cenima amosar todas as virtudes e bonanzas que ten a nosa comarca. Desde Foz encántanos presumir de toda A Mariña, encántanos da beleza de todos os pobos cercanos a Foz e entendo que desde o centro da Mariña é necesario un punto de información de toda a comarca, de aí que ofrezamos o Cenima. O presidente viu esta proposta coma unha boa idea”.
No encontro mantido esta tarde polo presidente da Xunta e o alcalde de Foz “tamén falamos dun tema importante que me trasladou o director do IES de Foz para mellorar a seguridade do acceso en autobús a este centro de ensino. É necesaria a construción dunha rotonda na zona do IES, nunha zona verde moi próxima a ese acceso ao instituto. Precisamos para levala adiante unha inversión da Consellería de Educación e entendemos que esta é unha prioridade para o IES de Foz”.
Hospital da Costa
O rexedor focense agradeceu que “se produza unha inversión moi importante no Hospital da Costa, onde se está a facer unha obra sen parangón, como nunha houbo nese centro. E tamén é importante ir contando que ese novo edificio teña novos equipamentos, concretamente entendo que a resonancia magnética debía ter un punto fixo e estamos traballando diariamente coa resonancia móbil. Creo que nun edificio novo, unha vez feito, hai que ir pensando en ter unha resonancia fixa e dotar ao Hospital da Costa dese equipamento, o cal o presidente da Xunta vai valorar coa Consellería de Sanidade”.
Castiñeira rematou agradecendo ao presidente da Xunta “o bo clima e agardando que todas estas circunstancias sexan ben atendidas e siga habendo ese clima de respecto institucional que existe entre o Concello de Foz e a Xunta de Galicia”.