Santiago de Compostela, 9 de decembro. Compromiso por Galicia pídelle ao Parlamento Galego que tome a iniciativa na rexeneración política e na loita contra a corrupción. O bloqueo da comisión permanente de calidade democrática e loita contra a corrupción, impulsada no Parlamento do estado, é unha mostra da falta de decisión e interese real dos propios actores que están atascados no preludio dun instrumento que debería ser prioritario.
Polo tanto, consideramos que o noso país, tamén afectado por casos deste tipo, debe adoptar unha postura activa neste senso, tanto dentro como fora de Galicia. Porque as decisións que se tomen “ou non se tomen” en Madrid tamén nos incumben.
Desde sempre, Compromiso por Galicia, acordou non levar investigados(a figura que substitúe aos imputados) nas súas listas e apostou por procedementos de elección transparentes mediante primarias abertas á cidadanía, co fin de buscar unha democracia máis representativa.
Propostas de Compromiso por Galicia
Entendemos que en Galicia deberíamos promover un Marco de Integridade Nacional que aglutine aos poderes executivo, lexislativo e xudicial, implicando a toda a sociedade. Tamén fortalecer o Consello de Contas, como ferramenta necesaria para mellorar o sistema e que queremos que asuma as competencias de Consello de Prevención da Corrupción. E colaborar con organizacións como Transparencia Internacional, co fin de que a actividade política sexa todo o transparente que a sociedade merece.
Desde Galicia, podemos dar un paso adiante para a rexeneración política do país e tamén, para dar exemplo a partidos estatais que non son capaces de arrancar cunha comisión, o que nos leva a pensar que os acordos poden dilatarse no tempo.