Site icon Crónica3.com A Mariña

Con pólvora e magnolias. Bo Nadal e feliz principio de legalidade

Que a vida é incertidume é un tópico que non por ser tal deixa de ser certo; a sorte, o azar, fan da nosa exístenola algo totalmente inescrutable é o mesmo tempo emocionante e impredecible.

Por esa razón o fútbol é o deporte rei, porque en calquera momento se lle pode dar a volta ó partido, e por ese mesmo lei motiv xogamos á lotería agardando que un refacho de sorte poida colmar as nosas necesidades materiais. Aínda que a incertidume non sempre é aliada e noutras moitas ocasións se manifesta en forma de enfermidade, desgracia, catástrofe natural…

C´est la vie, ou así son as cousas, tópicos, tópicos e máis tópicos…

Nos anais da antropoloxía pódese albiscar a necesidade humana de corrixir tanta sorte caprichosa que acaba materializando na xustiza, e é esa mesma xustiza a que nos ven a traer un agasallo en forma de pronunciamento xudicial. Por se alguén é todavía alleo o TXUE veu a pronunciarse este mércores 21 –como presaxio do sorteo de Nadal- determinando a retroactividade total das hipotecas con cláusulas solo.

Para intentar explicarme con respecto ás implicacións da resolución gustaría facer mención a dous conceptos xurídicos dos poucos que ten claros un estudante de dereito cando deixa a facultade:

– O principio de legalidade: principio reitor do dereito que determina o sometemento de todos os poderes públicos ó imperio da lei e non, por contra, á vontade das persoas.

– O efecto da nulidade: de tal xeito que si un acto xurídico é nulo e contrario a dereito non produce ningún efecto xurídico e por tanto non existiu endexamais.

Estas dúas ideas non por básicas deixan de ser fundamentais e se traducen na literalidade do artigo 1303 do Código Civil:

“Declarada a nulidade dunha obriga os contratantes deben restituírse reciprocamente as cousas que foran obxecto do contrato, cos seus froitos e intereses…”

Sobre esta base xurídica estivo discutindo a máis alta instancia do estamento xudicial europeo, o Tribunal de Xustiza da UE, para determinar que si as cláusulas solo son declaradas nulas procederá a devolución íntegra das cantidades ós prestatarios.

O que parece obvio non deixa de selo cando o que se contrapón son os intereses lobbistas da banca fronte ó dereito e interese dos consumidores e usuarios. E é que dende que existe o comercio libre existe o monopolio dos que só xogan coas cartas marcadas.

Por iso, nestas datas tan sinaladas, pode que sexa necesario depositar máis esperanzas na xustiza que na sorte, porque a primeira é caprichosa e a segunda pode deixar de ser cega, aínda que só sexa por uns intres. Bo Nadal.

Pablo Álvarez Ramos

Exit mobile version