Por tanto o presente artigo pretende despoxarse de toda autoridade científica, de toda base demostrable, é tan só un exercicio de sinceridade, unha opinión subxectiva baseada na emoción de quen o firma. Non me tomen nunca demasiado en serio.
O 2016 marcha do mesmo xeito que o fixeron os anos antecedentes, pola porta de atrás marcado pola falta de humanidade e irresponsabilidade de todos os que conformamos o sistema global mundo: en torno a 795 millóns de persoas no mundo (1 de cada 9 habitantes do planeta terra) teñen problemas de inanición, a guerra incendia Siria, Irak, Sudán do Sur, Afganistán, ou a conca do lago Chad con nula presencia nos medios, e a contaminación causa 4.280 mortes prematuras ó ano en Madrid.
A vella Europa parece descomporse por momentos e antigas pantasmas do pasado sobrevoan ó continente e vóltanse visibles: Fronte Nacional francés, Partido Nacional Democrático alemán, Partido pola Liberdade holandés ou a Liga Norte Italiana. A democracia liberal está a debaterse co fascismo.
A fractura social e identitaria divide ó estado español e a nosa comunidade segue a agonizar con respecto ós seus sectores produtivos. Á crise económica engádeselle a crise identitaria e a crise de réxime político. Todo elo aderezado coas actuais taxas de desemprego, co risco crecente de exclusión social e a problemática da pobreza enerxética. Gustaríanme unhas palabras amables para rematar o ano mais costa moito atopalas…
E no medio de toda esta lama, no medio de tanto esterco, lonxe de sinalar a ninguén é imprescindible que cadaquén colla a súa cuita de responsabilidade, asuma o súa porcentaxe de culpa.
Un ano marcha e outro ven e da a impresión de que seguimos camiñando en círculos cara a ningures, tropezando unha e outra vez na mesma pedra. Pero, en ocasións, as cousas cambian: a xente organízase de forma espontánea e xurde a esperanza, a xustiza semella independente, existen a cooperación e a solidariedade…
¿Que podo engadir a toda esta construción teórica? Nada, simplemente compartir unha sensación, unha emoción; para amañar todo este desastre somos necesarios todos, é imprescindible a empatía e indelegable a comprensión. Porque Trump non é un monstro extraordinario, tan só unha persoa respaldada por outras moitas.
Neste case finado 2016 quedamos no medio dunha encrucillada de camiños, o importante agora é escoller que dirección imos seguir. E as decisións e responsabilidades son propias e irrenunciables. O pecado do silencio cando deberan ter protestado fai cobardes ós homes.