Pero este fenómeno de integración nin é exclusivo da vila burelá, nin tampouco un feito edulcorado e absolutamente pacífico que converta a nosa rexión nunha Arcadia feliz; con respecto ó proceso de integración da comunidade caboverdiana debe servir como referencia o libro de Lucía Oca “Caboverdianas en Burela 1978-2008”, galardoado co premio Vicente Risco das ciencias sociais, no que se desmitificaba ese idílico proceso de integración.
De seguro que houbo, hai e haberá moitas dificultades para o inmigrante, pero máis de trinta anos de convivencia fan que poidamos falar dun auténtico exercicio de integración, da honra e do enriquecemento dunha coexistencia plural e multiétnica.
No día en que se escriben estas liñas a polémica e a desafección sérvese na veciña localidade de Foz onde as nais de 21 nenos marroquís protestan pola supresión dun menú alternativo á carne de porco.
Quero resaltar esta cuestión porque, entendo, é dun interese social e xurídico cardinal: o que estamos a discutir é o modelo de sociedade que queremos. E é que as reaccións posteriores á nova son bipolares e contundentes: hai quen se manifesta de xeito rotundo con respecto á obriga de asimilación cultural dos nenos e hai quen ve retazos de conductas xenófobas.
Polo medio aboian cuestións de carácter legal xa que a Constitución que define o noso estado como aconfesional –que non laico- , na súa parte dogmática, no artigo 16 da mesma, garante a liberdade relixiosa e de culto, sendo dito dereito unha translación do artigo 18 da Declaración Universal de Dereitos Humanos.
¿Debe por tanto a liberdade de culto amparar unha discriminación positiva con respecto a determinados colectivos? Avívanse vellas polémicas coma a do uso do burka ou o niqab, todas estas cuestións coa complexidade e profundidade suficientes para abordar un debate pausado e de fondo que vaia moito máis alá de estar a favor ou en contra.
E esta polémica local –a de Foz- non é nova nin xenuína xa que a petición dun menú alternativo ó porco foi trasladada no mes de xuño ó Goberno por parte do presidente da Comisión Islámica en España.
Pensará o lector que estou fuxindo da pregunta autoformulada mais non é así; as cuestións complexas hai que estudalas, velas en toda a súa magnitude, intentar apreciar os matices… A miña opinión ó respecto nunca se pronunciará en termos absolutos pero podo intuír que a liña a seguir xa se marcou en Burela:
O que ven ten que asimilar e o que acolle ten que integrar, as relacións entre os distintos grupos étnicos teñen que ser un exercicio de tolerancia mutua, sempre en observancia do respecto e da legalidade. Porque pode que os trinta anos de convivencia caboverdiana non foran un filme de Walt Disney pero, ó día de hoxe, seguimos camiñando xuntos. Por moitos anos.
Pablo Álvarez Ramos