Campos Conde subliñou que “as novas tecnoloxías son unha ferramenta moi útil para mellorar a calidade de vida dos maiores nunha provincia como a nosa, cunha poboación envellecida e dispersa. De aí a importancia do traballo da TIC coa alfabetización dixital dos maiores. Dende a Deputación, ampliamos a todos os lucenses o banco de recordos para que formen parte do arquivo da nosa provincia”.
Durante a xornada, os participantes relataron a profunda tradición que o Concello garda cos oficios tradicionais como os anticuarios e a ebanistería, e como era vida no municipio cando este tiña tren, cine, ou as impresións cando chegaron as súas vidas inventos como a televisión e a radio, que cambiaron as costumes dos veciños da Pontenova.
Memoria Dixital Lugo
No último trimestre de 2016 a TIC estase a desprazar por toda a provincia para impartir 15 obradoiros sobre o uso do móbil coa finalidade de gravar recordos dos lucenses participantes que formarán parte do arquivo Memoria Dixital Lugo. Este é un programa pioneiro na provincia de Lugo, especialmente dirixido aos maiores, pero aberto a todos os lucenses interesados en contar os seus testemuños.
Memoria Dixital Lugo (www.memoriadixitallugo.es) inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos que axudarán a coñecer mellor a historia recente da nosa provincia, especialmente a da primeira metade do século XX.