Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia sostén que o premio outorgado por Turismo de Galicia supón un importante apoio ao traballo que se está a facer desde o Concello

asjdkamfasdMondoñedo, 20 de decembro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, recolleu este martes en Santiago o premio de Turismo de Galicia que recoñece as iniciativas dos concellos polos que discorren as diversas rutas do Camiño de Santiago. O galardón, sostivo a rexedora, supón un importante apoio ao traballo que se está a desenvolver desde o Concello.

Todas as accións que motivaron o premio están ou ben xa levadas a cabo ou en fase de execución por parte do Goberno local de Mondoñedo.

O proxecto presentado polo Concello para facerse con este premio recolle os eixos sobre os que pivotan as actuacións promovidas desde a localidade. En concreto catro. Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio do Camiño, medidas concretas para a mellora da sostenibilidade, iniciativas destinadas aos peregrinos, que supoñan a presentación de novos servizos e actuacións de promoción, divulgación e fomento do coñecemento e do interese cultural e turístico do Camiño.

Patrimonio e sostenibilidade
No que se refire á protección do patrimonio, as accións levadas a cabo son varias, como o adecentamento do casco histórico, a adecuación da Praza da Catedral como un espazo libre de coches, a decoración floral en balcóns. No caso da mellora da sostenibilidade apostouse polo desbroce de fincas particulares e o adecentamento de inmobles e a limpeza das fincas municipais.

Peregrinos
En canto ás iniciativas destinadas aos camiñantes, destacan o traslado do centro de interpretación do Camiño para achegalo ao albergue municipal de peregrinos, a ampliación dos horarios dos museos artesáns, a elaboración dunha guía do Camiño ao seu paso por Mondoñedo, un programa de voluntariado cultural, acordos con axencias de viaxes, o convenio coa Federación de Espeleoloxía, así como a creación da marca Mondoñedo…mil historias para vivir.
Promoción e divulgación

Por outra banda, tamén se están a desenvolver actuacións de promoción, divulgación e fomento do coñecemento e do interese cultural e turístico do Camiño a través da sinatura dun convenio coa USC, o proxecto da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro e finalmente, a posta en marcha do Museo da Imprenta.

A rexedora de Mondoñedo felicita ademais a todo o equipo que conforma o IES Plurilingüe San Rosendo galardoado na categoría que recoñece os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia. “Entre todos faremos de Mondoñedo un lugar único para vivir e máxico para visitar”, conclúe.

Exit mobile version