Site icon Crónica3.com A Mariña

Ferreiro agradece que Elena Candia se desmarque das políticas do PP ao “ver con bos ollos a proposta do BNG”

Lugo, 5 de decembro de 2016. O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, agradeceu a boa disposición de Elena Candia para abordar, nunha xuntanza de portavoces, a proposta feita polo BNG para os orzamentos da Deputación de Lugo. Ferreiro felicitouse pola boa acollida que está a ter a proposta do BNG e augurou “un punto de inflexión na historia da Deputación de Lugo para avanzar cara a súa desaparición”. Ferreiro manifestou, tamén, a disposición do BNG para participar “en cantas xuntanzas sexa necesario para mellorar as condicións de vida das persoas que viven nos concellos lucenses”.

Xosé Ferreiro destacou o feito de que Elena Candia se desmarque das políticas do partido popular “antepoñendo os intereses dos concellos e dos habitantes da provincia sobre os intereses partidarios”. “Dende o BNG agardamos que non suceda o mesmo que na Deputación da Coruña, onde o PP, a pesares de estar dacordo coa proposta do BNG, emitiu un voto completamente ideolóxico e alegaron que con este modelo de orzamentos se producía un completo baleirado da Deputación que é o que verdadeiramente persegue o BNG” dixo Ferreiro.

O voceiro nacionalista lembrou que “a responsabilidade de presentar a proposta de orzamentos e de convocar as xuntas de voceiros é do presidente da Deputación” e adiantou que “o BNG traballará o que sexa necesario para chegar aos acordos precisos que leven a unha proposta de orzamentos que sirvan para incrementar a cantidade de fondos que reciben, dunha forma obxectiva e transparente, os concellos de lucenses”. Tamén lembrou, o deputado do BNG, as políticas clientelares da Deputación de Ourense gobernada polo PP.

Tras a aceptación pública da proposta do BNG, por parte do PSOE e PP, Xosé Ferreiro advertiu que “a proposta do BNG vai no camiño de avanzar cara a eliminación definitiva destas institucións caducas, non se trata dun novo reparto, se non de que a Deputación perda o poder de decisión sobre a utilización dos cartos nos concellos” e engadiu que “mentres as Deputacións non desaparezan traballaremos para que sirvan para apoiar aos concellos con máis dificultades, por que para iso foron creadas no seu momento”.

Exit mobile version