Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia aporta ao Goberno central os argumentos para mellorar a proposta da UE sobre as posibilidades de pesca de 2017

psdfasdnfkaSantiago, 5 de decembro de 2016.- A Xunta aportou ao Goberno Central información e argumentos co obxectivo de conseguir mellorar a proposta da Comisión Europea en relación ás posibilidades pesqueiras para o 2017. Así o explicou este luns a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tralo Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, celebrado hoxe en Madrid. Esta reunión é a antesala ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da semana que vén, no que se negociarán os TACs e cotas do próximo ano.

Rosa Quintana engadiu ademais que o Goberno galego trasladará tamén estes argumentos a Cantabria, que ostenta a representación das comunidades autónomas en materia pesqueira. Este traballo súmase ao do Goberno Central e ao do resto das comunidades autónomas co obxectivo, incidiu a titular de Mar, de mitigar nas negociacións a proposta de partida realizada pola Comisión Europea. Unha proposta, describiu, “bastante negativa para o noso sector pesqueiro e claramente mellorable”. Neste sentido, e de cara a súa negociación a vindeira semana no Consello de Ministros de Pesca da UE, Rosa Quintana desexou sorte á ministra de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, e a todo o seu equipo.

Desa proposta, explicou, a Galicia preocúpanlle fundamentalmente tres temas. Un deles é o posicionamento da Comisión Europea en relación ao Rendemento Máximo Sustentable (nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock). Neste sentido, explicou que a Comisión Europea insiste na necesidade de acadalo para a maioría dos stocks no 2017, cando o que contempla a Política Común de Pesca e o que defende Galicia é que o RMS se acade cando sexa posible ou como límite no ano 2020 e sempre e cando permita ir compatibilizando o aspecto medioambiental das pesquerías cos sociais e económicos do sector pesqueiro.

O segundo asunto é a redución que propón a Comisión Europea para a cota de pescada do sur, dun 36%, e para a do xurelo da zona que vai do País Vasco ata Fisterra (VIIIC), dun 45%. En relación á pescada sur, a conselleira sinalou que Galicia considera que ao estar esta especie sometida a un plan de recuperación que implica esforzo e un TAC, as variacións “non deberían ir máis alá dun incremento ou diminución do 15%. Unha variación superior sería incongruente co plan de recuperación”, argumentou.

Ademais engadiu que, segundo os informes científicos, de manterse o stock nos mesmos niveis deste ano, conseguiríase acadar o Rendemento Máximo Sustentable no 2018 e se aumenta nunha pequena porcentaxe poderíase acadar no 2019. Deste xeito tardarase máis do que propón a Comisión Europea en acadar o RMS, pero poderase manter ao sector pesqueiro activo.

No caso do xurelo, explicou a conselleira do Mar, Galicia solicita que se revisen os datos científicos, “xa que entendemos que a situación do caladoiro é bastante mellor que a proposta que fai a Comisión Europea”.

O terceiro asunto ao que fixo referencia Rosa Quintana é o das especies secundarias (denominadas especies de estrangulamento) afectadas pola política de descartes cero que establece a PCP. Neste sentido, Galicia defende unha flexibilidade na cota destas especies co obxectivo de impedir que os barcos teñan que parar a súa actividade nas especies das que dispoñen de máis cota cando esgoten a cota das secundarias.

Exit mobile version