O novo responsable de AJE veu acompañado do seu antecesor no cargo, Jose Manuel López Labrada, e xuntos presentaron ao delegado territorial as novas iniciativas da asociación para avanzar de cara á mellora da situación das empresas lucenses. Trasladaron tamén as súas principais demandas, en especial no que se refire á actividade relacionada coa Xunta de Galicia.
O representante territorial do Executivo galego considerou fundamental simplificar os trámites que os emprendedores deben realizar ante as administracións e responder aínda con maior eficacia ás necesidades e propostas dos empresarios. Neste contexto, destacou a nova Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia, que elimina con carácter xeral as licencias municipais de obra e actividade e a oficina Boing Business, que colabora na superación dos obstáculos cos que se atopan as persoas que queren crear ou desenvolver o seu proxecto empresarial.
O delegado territorial comprometeuse tamén a continuar e intensificar a presenza da asociación como interlocutora social. “Son mozos emprendedores, con moitas ideas e moito que aportar a sociedade”. Balseiro referiuse á importancia de que as administracións públicas e asociacións traballen de xeito coordinado, “as primeiras creando as condicións axeitadas e os segundos desenvolvendo as súas ideas, xa que desta simbiose debe resultar o progreso económico e social que todos perseguimos”.