Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis posibilidades para a nosa pesca

Calquera pode imaxinar a complexidade dunha negociación na que participan todos os Estados Membros da Unión Europea. Trátase dun duro crebacabezas no que cada quen busca arrimar a ascua a súa sardiña, polo que non dubidan en soster posturas distintas, incluso contrapostas. Cada mes de decembro, o Consello de Agricultura e Pesca acorda os límites de captura das frotas comunitarias para o ano próximo, que despois ratificará o Consello Europeo.

É evidente que non en toda negociación é posible obter o cento por cento dos resultados agardados pero sen dúbida, cando o desenlace significa que Galicia poderá pescar en 2017 entorno a un 20% máis que no 2016, podemos dicir que, en termos xerais, foi satisfactorio. Galicia disporá, segundo cálculos estimados, 30.900 toneladas máis, o que suporía (aplicando o prezo medio do peixe e do marisco fresco durante este ano) un incremento de valor aproximado de 76 millóns de euros. Todo iso nunha Comunidade que posúe aproximadamente o 70% das cotas da zona do Cantábrico e Noroeste, de Gran Sol e das augas de Francia

Desde a óptica lucense, conseguiuse a mellora da cota da pescada en augas de Gran Sol, que sube un 10% mentres que sufre un axuste mínimo no litoral (1,4%) fronte á redución do 36% que propuña inicialmente a Comisión. Tamén foi posible frear a caída do xurelo, que ía ser do 45%, ata o 23%, co compromiso de volver sobre esta cota nunha posible revisión do TAC a mediados deste ano, en función da evolución biolóxica desta especie

Repartindo por caladoiros, no Cantábrico Noroeste acadouse a práctica continuidade na pescada e na anchoa, ademais dun aumento do 14% da cota da xarda, do 72% na cota do lirio, do 54% no rape, do 10% da raia. Na zona de Fisterra cara ao sur, logrouse un incremento do 7% na cota de xurelo, do 17% da anchoa e da cigala. No Gran Sol e en Francia, destaca sobre todo o histórico aumento do 10% acadado na cota da pescada, tamén o aumento da raia (5%), da maruca (33%) e da cigala en xeral (sobre un 8%). Acadouse tamén a continuidade na cota do peixe sapo e un incremento do 67% nas cotas do caladoiro de Porcupine. Todas as frotas ven mellorar a súa cota de forma global.

Para obter estes froitos foron imprescindibles moitos factores: a alianza entre a administración e o sector pesqueiro galego, que vogaron co mesmo rumbo, o traballo de documentación e análise científica e socioeconómica que a Xunta, trasladou ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, ademais do traballo de investigación sobre as capacidades extractivas dos caladoiros e a responsabilidade da acción dun sector comprometido coa viabilidade da actividade pesqueira.

Máis capacidade para a nosa pesca sempre será unha boa nova, sen esquecer que o reto segue a ser cambiar un sistema de reparto que nunca acaba de ser xusto coas posibilidades de Galicia. Todo isto e máis, merece unha frota que realizar un traballo esforzado e encomiable por facer da pesca un sector con máis futuro, que se esforza por recuperar a ilusión polo mar.

Jose Manuel Balseiro, Delegado Territorial da Xunta.

Exit mobile version