Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela solicita unha entrevista co presidente da Xunta para abordar a construción da nova Edar e a xestión da segunda escola infantil

Burela, 16 de decembro de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, ven de solicitar unha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para abordar temas como a construción da nova Edar e a xestión da segunda escola infantil. O rexedor burelés espera manter ese encontro nos primeiros meses do vindeiro ano.

Llano lembrou que “xa cando estivo aquí o presidente da Xunta estivemos falando de ter unha conversa máis tranquila e sosegada pensando no beneficio do noso concello, e o día da inauguración do acceso ao porto xa quedamos en manter unha entrevista en Santiago”.

O alcalde de Burela contou que “vimos de solicitar esa entrevista na que imos tratar entre outros temas a segunda escola infantil que queremos abrir no mes de febreiro, e do convenio e as fórmulas para levar a xestión desta nova instalación. Tamén o mesmo día que veu inaugurar o acceso ao porto, xa lle dixen que me gustaría que viñera a inaugurar esta escola”.

O rexedor burelés engadiu que “outra cousa que eu considero moi importante e o pobo tamén, é a construción dunha nova Edar na zona portuaria que substitúa á que temos agora. Esta é unha Edar química e queremos substituíla por unha biolóxica, que é moito menos contaminante e moito máis efectiva”.

Alfredo Llano dixo: “falaremos tamén da ampliación do Hospital da Costa e en xeral de todos aqueles temas que sexan importantes tanto para Burela como para a comarca. Aquí existe unha problemática e como presidente da Mancomunidade así o farei saber. Penso que na comarca debemos ir todos montados no mesmo vagón, dado que se un Concello da comarca vai ben o resto tamén ha de ir ben. Hai que procurar defender a comarca como unha entidade propia, como unha Mancomunidade que é, e despois procurar que entre todos desenvolvamos o máximo posible en todos os aspectos esta comarca que pensamos que é moi interesante”.

O alcalde burelés agarda que “para o mes de xaneiro ou febreiro vaia comunicarme facer a entrevista co presidente da Xunta de Galicia”.

Exit mobile version