Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide que a Xunta cubra o servizo de oncoloxía do Hospital da Costa co persoal sanitario suficiente para garantir a súa prestación

A Mariña, 22 de decembro de 2016. O Bloque Nacionalista Galego tilda de “cativa” a proposta que o Partido Popular defendeu na comisión de sanidade do Parlamento para dotar dunha praza de enfermería ao servizo de oncoloxía do Hospital da Costa. A deputada nacionalista Montse Prado asegurou que “o servizo de oncoloxía en Burela precisa de persoal estable e vinculado a ese servizo para asegurar a súa prestación. Como mínimo son precisas dúas prazas de enfermería e unha de auxiliar. Ademais de persoal facultativo que actualmente depende de Lugo e que se despraza desde alí ao Hospital da Costa, restando tempo de prestación efectiva do servizo.”

“Non nos serve un anuncio propagandístico nun servizo tan sensible como é o oncolóxico. Se o PP presume de compromiso coa sanidade da Mariña, debe comezar por asegurar a totalidade do persoal necesario con vinculación a este; xa que actualmente as persoas que traballan alí contan con contratos por obra ou servizo que poden finalizar en calquera momento”, explica a responsable comarcal nacionalista, Ana Ermida.

Ademais desde o BNG censuran que o PP fale de creación de prazas, cando as súas propias leis impiden que se creen prazas e o que están facendo é destruír prazas nuns sitios para despois anunciar propagandisticamente a “creación” doutras. Neste sentido, a parlamentaria nacionalista defendeu unha proposta para que o Sergas dote a sanidade galega de prazas estruturais fixas en servizos necesarios e prioritarios nos que se están cubrindo con contratos precarios, tal e como recentemente dictaminou a xustiza europea.

Exit mobile version