Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo fará unha compra de árbores para os veciños que queiran realizar plantacións domésticas

Cervo, 29 de decembro de 2016. O Concello de Cervo fará unha compra conxunta de árbores para animar aos veciños a realizar plantacións domésticas de especies autóctonas e froiteiras. As solicitudes deben presentarse na Casa do Concello e poden facerse desde mañá, día 30, ata o 18 de xaneiro.
A concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, anuncia que “o Concello de Cervo, como en anos anteriores, vai facer unha petición conxunta de árbores para os veciños do municipio que así o desexen”.

Manuela Méndez di que “xa en edicións anteriores fixemos unha petición conxunta das árbores para que a xente se anime dunha maneira máis fácil porque o propio Concello levarallos ata o seu domicilio e ademais o prezo será moito máis económico ao compralo para todos xuntos”.
A responsable de Medio Ambiente subliña que “esta iniciativa do Concello é unha maneira de que a xente se anime a facer as súas propias plantacións domésticas, a poder ser sempre que sexan árbores autóctonas aínda que non hai ningún problema en que se collan algunhas especies froiteiras que non teñen porqué ser autóctonas”.

Méndez sinala que “as persoas que así o desexen poden apuntarse a partir do día 30 deste mes. No Concello estarán as solicitudes coas follas das especies que se van ofertar para que a xente que o desexe se veña apuntar e estará aberto o prazo ata o día 18 de xaneiro”.
A edil de Medio Ambiente cervense espera que “moita xente se anime porque isto é bo para todos”.

Exit mobile version