Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo inicia a campaña anual do programa de compostaxe

Cervo, 3 de decembro de 2016. O Concello de Cervo volve poñer en marcha o programa anual de compostaxe. A concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, fai un chamamento especial aos hostaleiros para que participen neste programa, que tamén se levará a cabo nos núcleos urbanos do municipio.

A edil de Medio Ambiente anuncia que “dende o Concello de Cervo imos iniciar de novo a campaña do programa de compostaxe, que se ven efectuando de maneira periódica desde xa hai varios anos que botou a andar esta interesante e pioneira experiencia medioambiental”.

Manuela Méndez salienta que “cada ano vaise incrementando o número de usuarios que demandan este servizo ofertado polo Concello. Estamos xa nunha cifra duns 150 usuarios, o que dá conta da existencia dunha grande demanda deste programa municipal por parte dos veciños do concello de Cervo, sobre todo no ámbito rural, así como do alto grado de concienciación medioambiental que se vai acadando entre a veciñanza”.

A concelleira de Medio Ambiente quere “animar aos veciños que así o desexen a involucrarse e participar activamente neste proxecto de compostaxe. A entrega dos composteiros terá lugar en breve e xa avisaremos nós a cada unha das persoas que están anotadas para que poidan vir recollelo, pero os interesados aínda están a tempo de apuntarse”.

A edil lembra que “o obxectivo do programa de compostaxe é o fomento da autoxestión medioambiental responsable dos residuos orgánicos por parte dos veciños acollidos a esta iniciativa, coa finalidade de obter un compost de alta calidade para o seu posterior uso como fertilizante natural de terras e plantas”.

Manuela Méndez asegura: “dende o Concello de Cervo intentamos facer fincapé en que este programa de fomento de compostaxe cubra a totalidade do proceso, que vai dende a entrega gratuíta dos composteiros á formación e apoio aos usuarios para a súa posta en marcha así como o seu posterior asesoramento, no caso de que lles faga falta, dentro do que é o proceso da vida útil dos composteiros”.

A concelleira de Medio Ambiente subliña que “como novidade, á vista dos bos resultados acadados ao longo destes últimos anos de funcionamento desta iniciativa e atendendo ás demandas de veciños dos núcleos urbanos do concello que tamén amosan o seu interese por participar activamente nesta actividade que se está facendo simplemente agora mesmo no medio rural para a xente que ten casa con finca, o Concello de Cervo tamén se está a plantexar a posibilidade de instalar composteiros comunitarios co fin de que tanto aqueles veciños que o desexen como os locais de restauración interesados en participar poidan tamén depositar materia orgánica e recoller a cambio abono de alta calidade de xeito totalmente gratuíto”.

Manuela Méndez engade que “neste senso de intentar involucrar aos hostaleiros temos que ter en conta que os locais de restauración xeran gran cantidade de residuos como sobras de comida, froitas, verduras, cascas de ovo, restos de café, etcétera. O Concello de Cervo fará un especial chamamento aos hostaleiros para que se sumen ao proxecto nun futuro. Suporá un dobre beneficio: por unha banda unha evidente mellora do medio ambiente e por outra unha nova solución ao problema dos cheiros nos colectores sobre todo na época de verán. De aí que nos plantexemos colaborar con eles ao tratarse dun proceso que non suporía maior trastorno na súa actividade diaria. Non lles vai repercutir en nada e o que se obtería sería unha maior cantidade de compost, ou sexa de abono, e de maior calidade ao tempo que se evitarían problemas de cheiros no verán”.

A edil de Medio Ambiente insiste en que “dende o Concello de Cervo animamos a todas as persoas que estean interesadas a que se acheguen á delegación de Medio Ambiente ou que chamen por teléfono para poñerse en contacto con nós se desexan un novo composteiro ou se queren adherirse a este programa”.

Exit mobile version