Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz adxudicou a construción dunha senda peonil dende o pavillón municipal de Marzán ata Forxán

Foz, 30 de decembro de 2016. O Concello de Foz adxudicou á empresa local Construcciones y Canalizaciones José Saa a construción dunha senda peonil dende o pavillón de Marzán ata o cruce de Bispo Santo, en Forxán. Esta actuación, cun investimento de 47.685,64 euros, levarase a cabo tralo acordo acadado entre os grupos municipais para acometer os investimentos incluídos no orzamento do Concello para este ano 2016.

O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe: “vimos de adxudicar unha obra importante para o concello de Foz e concretamente para Forxán. Dentro dos orzamentos municipais deste ano 2016 había unha partida de investimento para unha senda peonil dende o pavillón de Marzán ata o cruce do Bispo Santo, en Forxán, que son uns 400 metros”.

Javier Castiñeira explica que “é unha senda peonil que mellorará a seguridade dos viandantes, dos peóns, de todas aquelas persoas e veciños de Forxán que se achegan andando ata a entrada de Foz e que comparten calzada con multitude de coches que entran ao noso concello”.

O rexedor municipal engade que “era unha obra moi demandada polos veciños de Forxán, concretamente pola asociación de veciños, e é un compromiso máis cumprido deste equipo de goberno, que se conseguiu incluír o ano pasado dentro da negociación dos orzamentos deste ano 2016 e que en definitiva redunda na mellora da seguridade viaria dos veciños de Forxán. Concretamente a senda peonil irá na marxe esquerda saíndo desde Foz cara a Burela, irá paralela á beiravía e mellorará con moito a seguridade dos veciños que se trasladan a Foz andando, posto que estamos a falar dun barrio periférico do noso concello. É unha boa nova para todos os veciños de Forxán e de Foz tamén; e todo isto non deixa de ser froito dun acordo nos orzamentos municipais para decidir onde se fan os investimentos”.

O alcalde de Foz lembra que “nestas últimas semanas adxudicáronse actuacións con investimentos sobre todo en parroquias, que eran moi necesarias e que o acordo dos grupos municipais facilitou a posibilidade de facer estas obras”.

Castiñeira rematou comentando que “en próximas fechas procederase a iniciar a construción desta senda para que moi probablemente na próxima primavera quede xa feita e lista para o seu uso”.

Exit mobile version