Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz contrata o inventario de camiños públicos cun investimento de 16.658 euros

Foz, 21 de decembro de 2016. O Concello de Foz ven de asinar un contrato coa firma PROCAT Ingeniería y Medioambiente SL para a elaboración do inventario de camiños públicos. O custe é de 16.658 euros e o traballo levarase a cabo durante un ano.

O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que “o Concello de Foz ven de asinar coa empresa PROCAT Ingeniería y Medioambiente SL o contrato para elaborar un inventario de camiños públicos. É un documento que é moi necesario sobre todo para evitar problemas de propiedades de todo tipo e responsabilidades de cara ao Concello con veciños. A verdade é que era algo moi demandado polos veciños e tamén pola corporación e que foi a pleno en varias sesións. No orzamento municipal hai unha partida para poder facelo e no día de onte contratouse por 16.658 euros, IVE incluído”.

O rexedor municipal tamén explicou que “durante aproximadamente un ano estará esta empresa pasando por todos aqueles camiños que son públicos, que están no catastro ou que se entende que son municipais e públicos, para debuxalos e plasmalos en planos, buscando documentación que poida acreditar a titularidade do Concello”.

Castiñeira subliña que “é unha ferramenta moi necesaria para os servizos técnicos, arquitecto e aparellador do Concello, posto que ata o día de hoxe moitos dos camiños do noso municipio son de dubidosa titularidade e polo tanto moitos daqueles arranxos e incluso subvencións doutras administracións tiñan serias dúbidas ás veces por non ter ese inventario de camiños públicos. Polo tanto é importante e esperemos que durante o ano que vén teñamos xa ese documento formal que nos aclarará moitas cousas respecto á titularidade dos camiños municipais do concello de Foz”.

Exit mobile version