Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz recibe as actas dixitalizadas do pleno da corporación municipal entre os anos 1934 e 1985

foasdfasdfsaFoz, 12 de decembro de 2016. O Concello de Foz continúa completando a dixitalización das actas do pleno da corporación municipal e as últimas recibidas son as do período comprendido entre os anos 1985 e 1934. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, subliña que “a intención é chegar ao ano 1833, que é dende cando se dispoñen de actas de pleno”.

O rexedor focense anunciou hoxe que “vimos de recibir por parte da empresa Unayta as actas de pleno dende o ano 1934 a 1985 completamente dixitalizadas grazas a unha subvención que recibiu o Concello de Foz da Consellería de Cultura. Vense sumar á dixitalización que xa se fixo no ano 2015 das actas dende o ano 1995 ao 1985 e o obxectivo é que en próximas dixitalizacións poidamos xa chegar ao ano 1833, que é dende cando se dispoñen actas de pleno”.

O alcalde de Foz asegura que “así teríamos máis dun século de actas dixitalizadas e tratar de seguir avanzando na lei de transparencia das administracións locais porque é unha obriga e o que quere o Concello é poñer a disposición de todos os veciños esta serie de actas que nos van permitir colgalas na páxina web e que calquera persoa que queira facer unha busca ou algún tipo de investigación poida facelo perfectamente dende a páxina do Concello”.

Ademais Javier Castiñeira manifestou que “tamén se está avanzando no cumprimento da lei de protección de datos e para iso o Concello contratou unha auditoría. Estase traballando ademais na RPT dos traballadores municipais e nesa modificación que se solicitou no seu momento para tratar de que todos aqueles postos de traballo e todas as modificacións que houbo nestes últimos anos estean consideradas nunha nova RPT, un compromiso que foi do alcalde cos propios representantes dos traballadores”.

O rexedor engadiu que “tamén se está procedendo á contratación do inventario de camiños públicos para tratar de deixalos xa todos dentro dun inventario, posto que a día de hoxe o Concello non dispón desta ferramenta e moitos deles están a causar diferentes problemas pola titularidade de pasos e camiños públicos”.

Castiñeira rematou comentando que “son avances internos importantes e en definitiva van en aras de mellorar o servizo que queremos dar aos nosos veciños”.

Exit mobile version